Cunha taxa de paro arredor do 25% e un déficit público real superior ao 10%, Rajoy agoira a fin de crise para 2014

Á desesperada, Rajoy reedita a narrativa dos gromos verdes que en parte lle custou a Moncloa a Zapatero. O primeiro arauto da recuperación económica foi o seu ministro Montoro, quen dixo a terza feira que 2013 será o último ano da crise. No canto de se distanciar del, Rajoy defendeu esta cuarta feira perante a Xunta Directiva do PP -máximo órgao entre congresos- que en 2014 a economía voltará a medrar "con clareza" e tamén a criar emprego.

Cospedal e Rajoy
photo_camera Cospedal e Rajoy

Os dados que hai sobre a mesa non convidan ao optimismo. A taxa de paro é histórica. Supera o 25 por cento da populación activa. Os dados de déficit público son catastróficos. Os oficiais son o 6,7 por cento, malia os enormes cortes practicados no gasto público. Mais os dados reais son aínda piores pois o déficit oficial non computa as axudas públicas á banca privada. Se o fixesen, o desaxuste nas contas entre ingresos e despesas atinxiría o 10 por cento do PIB.

En realidade, as declaracións de Montoro e Rajoy son simplesmente un desideratum político. Hai apenas uns días, o propio Goberno admitía que tería que retocar (claramente a pior) as súas previsións económicas para 2013. Non hai indicios serios de recuperación en ningún sector dos que dependen do consumo interno, da capacidade de compra das e dos cidadáns. Expertos afirman que no mercado laboral español só é posíbel criar emprego neto (isto é xerar suficiente traballo para absorber a nova populación activa e compensar os postos de traballo que se destrúan) se a economía medrar por enriba do 2 por cento. Ningún analista serio vaticina un aumento desa envergadura nen para 2014 nen para 2015.

Rajoy vende optimismo económico porque non lle queda outra, dado como ten o frente orgánico, coa dereita sumida nunha cruenta guerra interna

Entón? A explicación é netamente política. A Rajoy non lle queda outra que vender optimismo, dado como ten o frente orgánico, coa dereita sumida nunha cruenta guerra interna cada vez máis evidente aos ollos da opinión pública. Xa non é só o confronto co sector levantisco de Esperanza Aguirre. Tamén na contorna do chefe hai leas. Dun lado, os partidarios de Soraya. Doutro, os de Cospedal. E polo medio, a sospeita de que Bárcenas aínda garda cadáveres no armario. Nese contexto as fotografías de Feijóo, o delfín de Rajoy, na compaña do narco Marcial Dorado, deixaron Génova literalmente sen alento. 

Rajoy sabe que a súa supervivencia -cada día máis improbábel- pasa por un milagre económico. Os seus dados demoscópicos son os piores dun presidente na historia da democracia, piores mesmos que os de Zapatero nos seus estertores. O problema é que a economía non funciona con voluntarismo e todo apunta a que a marxe de manobra da equipa Rajoy -cunha Merkel cada día máis disposta a continuar polo vieiro da ortodoxia neoliberal, véxase a crise de Chipre- é máis ben pequena, por non dicer nula.

Con todo, e no curso da Xunta Directiva do PP, Rajoy declarou ante os seus -e os xornalistas puideron acompañar a súa intervención através da xa mítica pantalla de plasma- que grazas ás súas políticas o Estado ten evitado o resgate e ten logrado controlar o déficit público. Sabemos que isto último apenas se compadece coa realidade e a respeito da evitación do resgate os economistas máis serios teñen advertido que as políticas practicadas por Rajoy durante os seus meses de goberno apenas difiren, nos aspectos cualitativos, das promovidas polos primeiros ministros dos Estados formalmente intervidos.

Comentarios