Críticas desde Galiza ao Acordo de Transición Xusta asinado en Madrid

CIG, UXT e CCOO reclaman que non se adoiten medidas drásticas até que haxa alternativas industriais que garantan o emprego nas comarcas afectadas polo feche das térmicas.
photo_camera Central térmica de Meirama, en Cerceda (Foto: Xoán Roberes).

O Goberno español, os sindicatos UXT e CCOO e as empresas Naturgy, Endesa, Iberdrola e EDP deron hoxe por fechado o Acordo para a Transición Xusta coa adhesión de EDP ao mesmo. Segundo destacan desde os ministerios de Traballo e de Transición Ecolóxica, os puntos de actuación prioritaria do pacto pasan polo mantemento do emprego nos territorios e a súa dinamización económica e industrial.

Neste senso, indican que unha das principais iniciativas do acordo é a elaboración dun plan específico de apoio á formación profesional e inserción laboral de persoas traballadoras ─tanto das centrais térmicas como das auxiliares─ que facilitará a adecuación dos plans formativos á demanda de novos perfís.

A evolución deste plan seguirase desde o rexistro activo de persoas desempregadas vinculadas á actividade das centrais térmicas, que xestionará o Instituto para a Transición Xusta, un organismo de nova creación dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica.

En relación á xeración de actividade económica nas zonas afectadas polo fechamento das térmicas, os convenios de Transición Xusta prometen captar oportunidades no ámbito da transición ecolóxica tendo en conta as características de cada territorio e favorecendo a implantación de iniciativas vinculadas á produción.

Escepticismo na Galiza

Pero na Galiza esta declaración de intencións non acaba de convencer. Aínda que o Acordo para a Transición Xusta se asinou en xuño do pasado ano, no caso das Pontes e Meirama (Cerceda) seguen sen contar cun documento propio que, segundo o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, "é o primeiro instrumento, urxente e necesario, para decidir a gobernanza de como afrontar o proceso de fechamento das térmicas".

Até que ese documento non estea asinado e as directrices ben marcadas, o responsábel sindical cre que se teñen que paralizar os procesos de fechamento "mentres non haxa un acordo sindical que dea garantía de futuro aos traballadores e traballadoras das centrais". 

Nesta liña, denunciou a situación do persoal das auxiliares de Meirama. "É deplorábel que non se conte con eles para os labores de desmantelamento da central térmica. E fálase de transición xusta? Para quen? Para as empresas, que son as que están facendo a transición para manter o oligopolio e o espolio dos nosos recursos e con eles os prezos da enerxía e da electricidade, que na Galiza están levando a que fechen empresas e que a xente non teña a máis mínima garantía de benestar social por ser vítima da pobreza enerxética". 

Pola súa banda, o secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento, reclamou máis recursos públicos e compromisos políticos "nun momento no que fan falta proxectos para crear alternativas reais aos traballadores directos e auxiliares", sinalou.

Na mesma liña, José Antonio Gómez (UXT) sinalou que non rexeitan que haxa que avanzar cara a un modelo "sostíbel", pero cuestionou o procedemento. "Pódese garantir a viabilidade da planta un tempo", dixo sobre As Pontes, pero habendo alternativas "non se pode desenchufar de súpeto a planta", apuntou.

Comentarios