luns 25.05.2020

Critican á Xunta por non querer devolver as fianzas dos locais

O decreto do estado de alarma permite recuperar estes cartos para facer fronte ao pago da renda dos locais.
Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda
Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

Miles de pequenos negocios estanse a ver prexudicados pola negativa do Instituto Galego de Vivenda de Solo (IGVS), dependente da Xunta, a devolver as fianzas depositadas no seu día polas comerciantes e empresarias galegas para poder facer fronte con elas ao pago do alugueiro dos seus locais. 

Como denuncian desde o bufete Caruncho, Tomé & Judel, a postura do IGVS, onde as cidadás teñen a obriga de depositar as fianzas exixidas legalmente no momento da sinatura dos contratos de arrendamento de vivendas e locais, contravén o Real Decreto Lei 15/2020 que estabelece unha regulación específica sobre arrendamento de locais de negocio de pequenas propietarias que permite ás partes de común acordo dispoñer libremente da fianza para o pago total ou parcial das mensualidades de renda, co requisito de repoñelas no prazo dun ano desde a celebración do acordo ou no prazo que reste de duración do contrato se é inferior.

Como apunta Ignacio Caruncho, socio director do bufete, o IGVS, e polo tanto a Xunta, ten a obriga de respectar e adoptar as normas ditadas pola autoridade competente determinada coa declaración do estado de alarma e, en concreto, a regulación do Real Decreto Lei 15/2020. Deste modo tería a obriga de poñer a disposición das partes asinantes dos contratos de arrendamento as fianzas obrigatoriamente depositadas no momento da sinatura dos contratos. 

A desculpa alegada pola Xunta para non devolver as fianzas é que o depósito obrigatorio do aval está á marxe de calquera tipo de acordo ao que poidan chegar as partes contratantes dun pacto de arrendamento, sinalan desde o bufete. 

comentarios