O volume de tráfico da AP9 cae a niveis de hai 12 anos pola suba de portaxes e a crise

A intensidade media diaria rexistrada en 2013 foi de 20.158 vehículos. Non había peor rexistro desde 2001. Nestes anos o prezo das peaxes aumentou de maneira constante e desorbitada.

AP9

En 2013 circularon pola Autopista do Atlántico menos vehículos ca nunca desde 2002. Os datos do Ministerio de Fomento citados por Economía Digital amosan que a AP9 tivo seu peor dato desde 2001. A crise económica mais principalmente unha suba constante de portaxes leva a que moit@s usuari@s opten por vías alternativas. Nos últimos anos, o prezo das portaxes disparouse nun 50%. O Grupo Itínere pechou 2012 cuns beneficios que rozan os 31 millóns de euros.

En 2013 a intensidade media diario foi de 20.158 vehículos. Non houbera un rexistro tan baixo desde 2001 (19.904 vehículos/día). Nas portas da crise, lembra Economía Digital, pola Autopista do Atlántico pasaban cada día máis de 27.000 vehículos.

Desde 2009 as tarifas aumentaron por volta dun 25%. O que provocou a indignación de non poucos usuari@s. Mais esa indignación non callou, a diferenza doutras partes do Estado, en movementos de rexeitamento amplos ('No Vull pagar', en Catalunya). En Galiza, máis alá de protestas puntuais e actos de denuncia (como os desenvolvidos por Compromiso, por exemplo) semella que ese malestar optou por traducirse en renunciar a circular pola AP9.

No arranque deste ano, o prezo da peaxe volveu subir (un 1,85%). Circular entre Vigo e A Coruña, as dúas cidades que simbolizan os polos de desenvolvemento do norte e sur do país, é prohibitivo para moitas economías. A opción preferida por miles de condutores semella a deserción das Autopistas do Atlántico.

Comentarios