A crise industrial da Galiza déixase notar no sector enerxético e nos portos

As centrais enerxéticas galegas foron as primeiras en pagar as consecuencias do parón da industria no país. Agora tócalles aos portos da Coruña e Ferrol, que ven como co fechamento das térmicas e a crise das plantas de aluminio perden boa parte dos seus tráficos e unha das súas principais fontes de ingresos.  
Porto exterior de Punta Langosteira. (Foto: Autoridade Portuaria da Coruña)
photo_camera Porto exterior de Punta Langosteira (Autoridade Portuaria da Coruña)

Galiza está sumida nunha profunda crise industrial que nalgúns sectores non parece ter fácil saída. O futuro de empresas como Alcoa, Xeal (antiga Ferroatlántica) ou Alu Ibérica pende dun fío. A súa elevada factura eléctrica e a falla de incentivos condicionan a súa viabilidade, da que non só dependen os milleiros de persoas que traballan nestas empresas ou nas auxiliares, senón tamén as comarcas nas que se asentan.

Pero os danos colaterais dun hipotético cese da actividade nestas factorías chegaría tamén a outras empresas. De feito, os datos de produción industrial de 2019 xa anticiparon os efectos que a caída da actividade das electrointensivas podería ter no sector enerxético. 

O pasado ano, a produción de electricidade descendeu 20% motivada pola baixa operatividade das centrais térmicas, unha, a de Meirama (Cerceda), xa fechada e a outra, a das Pontes, con data de caducidade, mais tamén pola caída de consumo de 9%, motivada en parte polo parón destas industrias, que teñen na enerxía un dos seus principais custos. 

Este descenso provocou que as vendas do sector enerxético rexistrasen os datos máis baixos do último lustro, cunha facturación de 1.490 millóns de euros, 19,3% menos que o ano anterior, e representando só 5% do negocio industrial do país. 

Afección aos portos

Precisamente, o fechamento da térmica de Meirama deixa o porto da Coruña sen un dos seus principais tráficos, xa que as descargas de carbón con destino á central representaban arredor de 8% da súa actividade, con movementos de máis dun millón de toneladas ao ano. Porén, nos últimos tempos este tráfico quedou reducido a nada, o que xa se fixo notar nas contas do ente portuario coruñés de 2019, nas que declarou un beneficio neto de 1,05 millóns de euros, fronte aos 2,2 millóns do ano anterior. 

No porto da Coruña tamén viron como descendeu o tráfico de alúmina para a planta de Alu Ibérica, que conta cun peirao propio no porto exterior. Se en 2018 foron 116.000 as toneladas movidas, en 2019 tan só pasaron polas súas instalacións 8.000 toneladas.

A perda destes tráficos leva aparellado un descenso na facturación que podería achegarse ao millón e medio de euros, ao que habería que sumar os empregos perdidos en labores de estiba ou no transporte do mineral do porto á central. Tamén está por ver que pasa coa 'medusa', o almacén construído por Naturgy no porto interior hai máis dunha década para eliminar as emisións provocadas pola descarga de mineral a ceo aberto.

Alcoa e Ferrol

Pero se o da Coruña se ve afectado, o porto de Ferrol non está moito mellor. Hai unhas semanas celebraba a posta en marcha dunha nova liña regular de contedores, un tráfico que crece ano tras ano, mais que segue a ser modesto en comparación con outros. 

En 2018, dos 13,7 millóns de toneladas movidas nos peiraos da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, 10 millóns (73%) correspondían a tráficos de carbón, bauxita e alúmina.

Co carbón fóra da terna, a bauxita e a alúmina son as principais mercadorías que pasan polas instalacións portuarias. No primeiro trimestre do ano movéronse 1,2 millóns de toneladas da primeira e 332.596 toneladas da segunda.

De prosperaren os plans da multinacional norteamericana Alcoa e de fechar a planta de aluminio primario de San Cibrao (Cervo), a bauxita deixaría de figurar na lista de mercadorías transportadas dos portos galegos. 

Desde as autoridades portuarias da Coruña e Ferrol, onde tamén están a notar a desaparición de tráficos como o de cruceiristas, afirman estar na procura de novos operadores que suplan a marcha de firmas como Naturgy, Endesa, Alcoa ou Alu Ibérica, aínda que será complicado que logren mover volumes semellantes aos que adoitaban a transportarse anos atrás.

O que deixa en evidencia unha vez máis esta realidade é a falla dunha política industrial por parte da Xunta que mire non só polos intereses das empresas, senón de todo o tecido industrial e produtivo da Galiza.

Comentarios