Crise climática (II). Igualdade e planificación

Afrontar as transformacións económicas imprescindíbeis esixirá máis igualdade e unha intervención pública decisiva 
Protestas durante o cumio do clima de Glasgow.
photo_camera Protestas durante o cumio do clima de Glasgow. (Foto: Europa Press)

En xullo, Jeff Bezos (Amazon) viaxou nun voo espacial da súa empresa Blue Origin. Por cada pasaxeiro emitíronse 100 veces máis gases de efecto invernadoiro que nun voo da aviación convencional. A compañía competidora Virgin Galactic anuncia 400 viaxes espaciais turísticas anuais. Na UE, o 10% dos máis ricos consome a metade da enerxía do transporte e o 75% da asociada á aviación. Jeff Bezos compra tempo de traballo humano e a máis-valía acumulada (explotación) permítelle acaparar grandes cantidades dun ben caro e escaso, a enerxía. 

O incremento dos prezos do gas natural e dos dereitos de emisión de CO2 combinado co sistema marxinalista de fixación de prezos provocaron a suba da factura eléctrica. Milleiros de millóns de euros de salarios e pensións convértense en dividendos dos accionistas das eléctricas, diminuíndo o poder adquisitivo da gran maioría ao tempo que aumenta a riqueza da minoría capitalista (captación de rendas). O presidente de Iberdrola, Ignacio Galán, ameazou o Goberno por recortar os beneficios caídos do ceo, “con extremistas no Goberno non se pode negociar”. A Comisión Europea négase a substituír o sistema marxinalista, un artefacto neoliberal para crear un mercado ficticio dun ben que é un monopolio natural. A política do Goberno do Estado é inconsistente. Autorizou a OPA da compañía australiana IFM sobre Naturgy. De se materializar perderase capacidade de xestión dos activos, entre eles os encoros construídos por Fenosa nos vales galegos, e dificultarase a súa socialización.

O antropólogo Jason Hickel cuantificou a responsabilidade dos Estados na mudanza climática. Primeiro, asignou a cantidade de emisións por persoa que permitiría non superar unha concentración de 350 partes por millón de CO2. Despois, calculou para cada Estado a cantidade emitida entre 1850 e 2015. O G8 (EUA, UE-28, Rusia, Xapón e Canadá) é responsábel do 85% do exceso de emisións, o conxunto do Norte Global do 92%. Estados Unidos é o gran debedor, ao multiplicar por 10 as emisións que lle corresponderían. A maioría dos países do Sur Global están dentro da fronteira do que terían dereito a emitir, aínda que a China a cruzará en breve.

Planificar a transición

A Comisión Europea teme que os custos dos plans ambientais provoquen revoltas sociais semellantes ás dos chalecos amarelos, xa que os impostos sobre as emisións de CO2 encarecerán a calefacción, a climatización nas ondas de calor e o transporte, afectando desproporcionadamente os fogares máis pobres. O comisario Gentilloni propón medidas de compensación para as persoas que sofren pobreza enerxética. Porén, necesitaranse políticas máis incisivas: asignación dun consumo mínimo suficiente a prezos reducidos e prezos progresivos segundo aumente o consumo; redución e/ou eliminación de consumos suntuarios como voos comerciais, iates e avións privados, ou turismo espacial; e intervención pública na produción e distribución de enerxía.

Na ampliación do aeroporto do Prat investiranse 1.700 millóns de euros para subvencionar voos da poboación de maior renda, no Adolfo Suárez outros 1.600 para construír unha Air City con hoteis, zonas loxísticas e conexión directa ao AVE. 3.300 millóns que serían moito máis útiles nun programa de acondicionamento enerxético das vivendas a comezar polas situadas nos barrios máis pobres e despregue dunha rede de enerxía solar descentralizada. O enorme investimento realizado no AVE debería dirixirse a alargar a capacidade de transporte ferroviario de mercadorías e pasaxeiros, non para inducir nova mobilidade, senón para substituír a que se efectúa por avión e estrada. As toneladas de cemento, metais, plástico e outros materiais empregadas no macrocentro comercial Vialia en Vigo deberían terse utilizado en proxectos asociados á transición ecolóxica para reducir o consumo enerxético. Ao contrario inducirán máis tempo de lecer dedicado ao consumo e novos desprazamentos en automóbil, enfraquecendo as zonas comerciais existentes.

Nas organizacións preocupadas polos seres humanos acelérase a conciencia sobre a urxencia de mudar o sistema. Oxfam remata un relatorio sobre desigualdade nas emisións de carbono proclamando “causas sistémicas exixen solucións sistémicas”, investimento público, expansión dos servizos públicos, prohibición de publicidade exterior.

O IPCC valora subscribir afirmacións como “o ritmo de transición pode verse obstaculizado polo bloqueo exercido polo capital” e “a mudanza climática está causada (...) polo carácter do desenvolvemento económico e social producido pola natureza da sociedade capitalista”.

Afrontar a transición a unha economía compatíbel cos límites físicos do planeta ao tempo que se garante a satisfacción das necesidades básicas de todos esixirá superar o capitalismo para planificarmos unha economía ecolóxica, feminista e socialista.

Comentarios