A crise chega ao sector conserveiro galego

A crise tamén bate na conserva. A histórica factoría Thenaisie Provoté do Grove atópase en concurso de acredores desde mediados do pasado mes de maio sen que os actuais propietarios amosen disposición a darlle unha posibilidade 
Manifestación no Grove en defensa do emprego en Thenaisie Provoté. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Manifestación no Grove en defensa do emprego en Thenaisie Provoté. (Foto: Nós Diario).

Thenaisie Provoté fai parte da historia do Grove. A conserveira, fundada en 1904, cando o empresario bretón Henry Chancerelle decide instalarse no Salnés, deu entrada aos poucos anos a dous accionistas de nacionalidade francesa, Thenaisie e Provoté, iniciando así un proceso de expansión que a leva a converterse nunha marca de referencia na Galiza. Ao tempo, as conservas gozan de moito prestixio nos mercados internacionais, estando presentes en países como Portugal, Francia, Alemaña, Italia, Xapón, Suecia, Noruega, Colombia ou Estados Unidos.

Os últimos anos da conserveira son axitados. A compañía, que ocupa a 125 persoas de maneira directa e outras tantas de maneira indirecta, foi adquirida hai dous anos polo grupo de capital romanés Scandia Food, que se fixo coa empresa mediante unha ampliación de capital de 2,5 millóns de euros. A proposta da nova xerencia non deu os resultados agardados e a conserveira, que en 2017 facturou 29,8 millóns de euros, acabou por presentar o pasado mes de maio un concurso voluntario de acredores.

Un pasivo de 7,2 millóns

Segundo os datos presentados pola compañía diante do Xulgado do Mercantil de Pontevedra, a empresa, que non solicita a liquidación de bens, posúe débedas con 464 acredores e conta cun pasivo de 7,2 millóns de euros, 5,2 millóns dos cales correspóndense coas entidades bancarias. Neste sentido, o órgano xurisdicional dá por acreditada “a insolvencia actual ou inmediata da compañía”, que fica intervida pola Administración xudicial e que se compromete a presentar un informe sobre a situación da factoría nun prazo máximo de dous meses.

A actual propietaria de Thenaisie Provoté converteuse no principal problema para a continuidade da actividade e para o mantemento do emprego. Así, Scandia Food negouse a vender a súa participación ao empresario galego Afonso Caneiro, quen presentou unha oferta para recuperar a produción na conserveira do Grove e quen anunciou a súa vontade de continuar adiante coa proposta, sempre que se consiga obrigar o grupo romanés a desbloquear a situación. O proxecto empresarial de Caneiro pasa por subministrar directamente a través da súa propia flota a factoría e por reorientar a produción cara ao mercado gourmet. 

Os traballadores e as traballadoras de Thenaisie Provoté e a veciñanza do Grove están dispostas a vencer a resistencia de Scandia Food e de garantir a continuidade do emprego. O pasado domingo, unha masiva manifestación onde participaron arredor de 4.000 persoas, percorreu as rúas da vila para esixir unha alternativa, demandando á Xunta que “se molle”, denunciando que o acontecido “é un exemplo do sufrimento e do deserto económico ao que nos están a levar estas políticas públicas” e criticando que a propietaria “non fai máis que pór trabas e paus na roda”.“Hai unha posibilidade real de sacar a conserveira da situación na que se atopa”, sinalan as operarias nun manifesto lido ao final da protesta, en relación á proposta de compra de Alfonso Caneiro.

As protestas van continuar nos vindeiros días, cunha mobilización prevista para o día 5, mais mañá, 1 de xullo, as traballadoras e os traballadores teñen unha cita moi importante na sede da Xunta da Galiza en Compostela. A representación laboral vai realizar unha xuntanza coa directora xeral de Pesca e cos responsábeis do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) coa intención de que a Administración galega contribúa a desbloquear a situación e obrigue a actual propietaria a dar paso a un novo accionista que garanta a actividade.

As organizacións sindicais demandan un maior compromiso da Xunta da Galiza para atopar unha solución ao problema. Neste sentido, a responsábel do sector da conserva da Confederación Intersindical Galega (CIG), Rosa Abuín, considera que “son os conselleiros os que nos teñen que atender. Queremos esixir á Xunta que nos axude a desbloquear a situación”. Pola súa banda, o seu homólogo de Comisións Obreiras, Francisco Vilar, demanda que “a Xunta sente os romaneses coa oferta que puxo na mesa un investidor galego”.

O conflito da conserveira do Grove prodúcese nun bo momento do sector. “A conserva aparentemente está ben se analizamos os datos macro, está collendo moito volume pero as súas marxes de beneficio son moi pequenas pola súa dependencia das grandes empresas da distribución alimentaria”, sinala a Nós Diario Gonzalo Rodríguez, especialista en temas pesqueiros e profesor da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela.

Comentarios