A crise cébase cos autónomos na Galiza

A crise económica orixinada pola pandemia está a provocar unha auténtica sangría entre os traballadores por conta propia. Malia a que no último ano o número de autónomos se reduciu en máis de 3.000 persoas, as entidades representativas do sector anuncian que o peor chegará despois do verán.
Un comercio que pecha en Compostela
photo_camera Imaxe de arquivo

Os autónomos non levantan cabeza na Galiza. Se á volta de xullo de 2010 o número de traballadores por conta propia se situaban en 228.593 persoas, unha década despois reducíanse en máis de 20.000. Ao tempo, a anunciada recuperación dos anos pasados non chegou a un colectivo que seguiu perdendo ocupados de xeito constante após a coñecida como Longa Depresión. A este respecto, resulta significativo que en todo este período, en ningunha anualidade aumente o número de empregados neste réxime, significándose, tamén, unha importante baixada do seu poder adquisitivo, no marco do proceso xeral de desvalorización interna que provoca unha importante redución das rendas do traballo.

A caída dos autónomos no último ano sitúase arredor de 2%, pasando de 211.494 a remate de xullo de 2019 a 208.341 na actualidade. Malia o aumento de 99 afiliados en relación ao mes de xuño, derivado da lóxica estacional e tamén da recuperación da actividade nalgúns negocios que se mantiñan acollidos ao cese temporal de actividade, a suba dos traballadores por conta propia é inferior á doutros exercicios. Neste sentido, desde o sector vinculan esta pequena alza na ocupación, tamén, a que algúns negocios queren darse unha última oportunidade ou tentan aproveitar as posibilidades do verán, algo que este ano se está vendo minguado polo comportamento da actividade turística.

2020 rexistra o maior descenso de afiliados ao réxime especial de autónomos da última década. Segundo os datos ofrecidos polo Instituto Galego de Estatística(IGE), Galiza perde máis de 3.000 traballadores por conta propia neste ano, porén as cifras que manexan desde a Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (UPTA) son peores e colocan o diferencial en 7.44 autónomos menos entre os dous meses do verán. Así, o presidente da entidade, Eduardo Abad, considera que “é unha caída moi significativa se temos en conta que na Galiza hai máis de 200.000”,cualificando a alza de xullo en relación a xuño como “practicamente insignificante en comparación co exercicio anterior”.

A crise estase cebando con aqueles sectores da actividade que concentran unha alta porcentaxe de autónomos e autónomas. Segundo os datos achegados polo IGE no seu Informe sobre os indicadores de actividade e de VEB do sector servizos de 14 de agosto de 2020, “o indicador de actividade no sector servizos rexistra no mes de xuño na Galiza unha caída do 9% respecto ao mesmo mes do ano anterior, taxa 20,6 puntos superior á do mes de maio. A nivel nacional, a cifra de negocios no sector servizos diminúe o 18%, taxa 15,6 puntos superior á do mes anterior”. Asemade sinala que “o persoal ocupado no sector servizos rexistra un descenso de 5,7% na Galiza e de 7,1% no Estado”.

A facturación reduciuse no último ano no comercio en 8% e nas outras ramas do sector servizos en 12%. Así, o IGE recolle que “a hostalaría é o sector máis afectado pola crise sanitaria, o que se manifesta nunha caída de 57,7%” da facturación, destacando que a súa taxa de actividade baixa en 57,8%, se ben esta é unha tendencia extensíbel a outras esferas como o comercio, cunha caída de 18%. Só o transporte e as actividades profesionais, científicas e técnicas aumentan a facturación e escapan a lóxica que caracteriza o comportamento do sector no último ano. Porén, tamén neste caso, as entidades representativas do colectivo cuestionan os números, significando unha caída máis forte da facturación e da actividade.

O verán non está a ser a táboa de salvación que moitos autónomos galegos agardaban. Malia que o impacto do coronavirus na actividade turística galego é moi inferior á doutras partes do Estado, ao non depender dos viaxeiros chegados de fóra da península, o número de visitantes está moi por baixo das previsións. Segundo os datos achegados polo Instituto Nacional de Estatística para o mes de xuño, a caída de visitantes no último ano na Galiza situouse en 56.875 viaxeiros menos, isto é unha baixa de 87,6%, reducíndose as estadías hostaleiras en 86,7% até chegar  a 115.952 noites.

Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (UPTA) considera que a “situación irá a peor” e dá por feito que “antes do remate do ano desaparecerán 10% dos comercios galegos”. Uns números moi semellantes manexa a Federación Española de Asociacións de Traballadores Autónomos (ATA), cuxo presidente, Lorenzo Amor, apunta á perda de “un millón de autónomos” no conxunto estatal.

Feixoo esquece os autónomos

A Xunta da Galiza ten competencias plenas en materia comercial, porén o sector segue agardando polas alternativas do Goberno galego. Mentres a Administración estatal e mesmo a local arbitran liñas de axuda para facer fronte á situación de emerxencia do colectivo, Alberto Núñez Feixoo mira para outro lado.

Comentarios