A crise ampliou a 20 pontos a fenda na converxencia da Galiza con Europa

En 2009 o PIB per cápita galego era o 89% da media da UE dos 28. Agora descólgase até o 80%. Galiza é un dos territorios do Estado coa recuperación máis feble.

salario soldo cartos diñeiro

Núñez Feijóo nomeu o 2015 como o ano do inicio da recuperación e a saída da crise na Galiza, mais as boas palabras do presidente semellan non termer dos datos de infermes e estudos sobre a saúde da economía galega, como o do Foro Económico de Galicia. Cando a crise comezaba xa a deixarse notar con forza (2009), o PIB per cápita de Galiza estaba a 11 puntos da media europea. É dicir, se poñemos que a medida do PIB por cabeza da UE dos 28 era 100, Galiza estaba no 89. Mais comezou un forte proceso de diverxencia que leva a que en 2014 a riqueza per cápita na Galiza sexa o 80% da media europea. A fenda ensanchouse a 20 puntos en apenas un lustro. Se nos fixamos na media do Estado español, na Galiza o noso PIB per cápita está no 88%, 12 pontos por baixo.

O medre acumulado da economía galega en 2015, un ano do que presume a Xunta como bo, foi de 2,6. Só Asturies e Estremadura tiveron peores rexistros

Galiza perdeu 8,5 pontos do seu PIB durante os anos duros da crise (2008 a 2013). España perdeu algo máis, nove puntos, no mesmo periodo. Mais desde aquela o Estado español recuperou 5,2 mentres que na Galiza apenas chegamos ao 3. Como lembra a Autoridade independente de responsabilidade fiscal, que se cita no informe do FEC, Galiza é, canda Asturies, o territorio do Estado cunha recuperación máis feble.

Así, o noso país rexistrou unha media de medre anual do 1,5, o que supón ficar 8 décimas por baixo da do conxunto do Estado español. O medre acumulado da economía galega en 2015, un ano do que presume a Xunta, foi de 2,6. Só Asturies e Estremadura tiveron peores rexistros nese exercicio (2,3 e 2,4 respectivamente). A media do Estado estivo no 3,2.

Comentarios