Crecemento verde ou transición ecolóxica?

A urxencia dunha resposta aos retos da evidente crise ecolóxica
Unha das reportaxes do caderno 'Producir' de mañá. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Unha das reportaxes do caderno 'Producir' de mañá. (Foto: Nós Diario)

A evidencia da crise ecolóxica e a mudanza climática, que xa chega ás principais entidades capitalistas, induce dúas propostas: a primeira defende o crecemento sostíbel ou verde; a segunda argumenta que o crecemento indefinido do PIB é incompatíbel cos equilibrios ecolóxicos imprescindíbeis para a existencia de sociedades humanas civilizadas.

O banco de investimento J.P. Morgan fai parte da ducia de elementos máis influentes na rede de goberno da economía mundial. Nun recente relatorio1  recoñece que para que o aumento da temperatura non supere 1,5oC, as emisións globais deberán reducirse desde 52 xigatoneladas equivalentes de CO2 (GtCO2eq) en 2017 até 39 GtCO2eq en 2030 (só quedan 10 anos) e menos de 10 GtCO2eq cara á fin do século. En caso contrario prevé graves danos no “PIB, stock de capital, saúde, mortaldade, estrés hídrico, fame, desprazamentos de poboación, migracións, tensións políticas, conflitos, biodiversidade e supervivencia das especies”.

Entre hai 800 mil anos e o comezo da Revolución Industrial a concentración de gases de efecto invernadoiro (GEI) oscilou entre 170 e 300 partes por millón(ppm). En 2019 alcanzou 410 ppm. Hai 4 millóns de anos no Plioceno medio cunha concentración de 425 ppm e unha temperatura media superior en 2oC-3,5oC á preindustrial, o nivel do mar era entre 10 e 22 metros máis alto que o actual.

J.P. Morgan conclúe que “a vida humana tal e como a coñecemos está ameazada” e que “algo terá que mudar nalgún momento se a raza humana debe sobrevivir”.

A ex primeira ministra norueguesa Gro-Brundtland creou o concepto de crecemento verde nun relatorio para Nacións Unidas de 1987. Unha vía á que adhiren o Novo Acordo Verde da líder demócrata Alexandria Ocasio-Cortez e o proxecto New Generation da Unión Europea. A UE e John Biden comprometéronse a completar unha economía neutral en carbono no ano 2050. Xi Jinping anunciou que alcanzará ese obxectivo en 2060.

O obxectivo do crecemento indefinido do PIB e a arquitectura de longas cadeas globais de produción fan imposíbel a redución da pegada ecolóxica

En ningún caso renuncian ao crecemento económico. A OCDE, o Banco Mundial e o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente colaboran para promover a Teoría do Crecemento Verde (TCV), que afirma que a expansión da economía é compatíbel coa ecoloxía planetaria xa que a mudanza tecnolóxica e a substitución poden desligar o crecemento do PIB do uso de recursos materiais e das emisións de carbono. 

Dous científicos da universidade de Londres e da Autónoma de Barcelona contrastaron a TCV coa evidencia empírica2. Desde 1980 a 2013 a pegada ecolóxica medrou un 132% a unha taxa anual do 2,5% até 85 billóns de toneladas. A pegada ecolóxica global debería reducirse nun 50% para ser compatíbel coa ecoloxía planetaria. Entre 2002 e 2013 o uso de materiais incrementouse un 3,85% anual, “a intensidade material da economía mundial aumentou no século XXI, non decreceu... o mundo áchase, por tanto, no sendeiro da rematerialización e lonxe de calquera –mesmo relativo– desligamento”.

Atoparás o resto desta reportaxe e outros temas de interese no caderno 'Producir' que sae publicado co Nós Diario de mañá. Estará dispoñíbel nos quiosques ou na nosa tenda online para a súa lectura na nube. Non o penses máis, fai a subscrición xa para ter todos estes contidos sempre á túa porta!

Comentarios