384 empresas creadas e 193 disoltas en xaneiro

O crecemento da creación de sociedades na Galiza é máis de dez puntos inferior á media estatal.
En 30% das empresas tecnolóxicas do país non hai ningunha muller (Foto: Kite Rin).
photo_camera A creación de empresas sobe 4,1% na Galiza. (Foto: Nós Diario)

O número de novas sociedades mercantís subiu 4,1% en xaneiro na Galiza a respecto do mesmo mes do ano anterior, até sumar 384 empresas, segundo os datos que publica esta quinta feira o INE. De forma paralela, e con base na mesma estatística, as disolucións minguaron 15,7%, até 193 —173 voluntarias, 14 fusións e seis doutro tipo—.

O capital subscrito e desembolsado polas novas compañías alcanzou os 33,03 millóns de euros. Todas elas optaron pola fórmula de sociedade limitada. Pola súa parte, ampliaron capital 131 empresas, por un importe que se situou en 35,89 millóns.

Foron catro sociedades anónimas, por 7,71 millóns, e 127 sociedades limitadas, por 28,18 millóns. Reducírono 36 compañías, por valor duns 14,95 millóns en total. Non houbo desembolso de dividendos.

Datos estatais

No conxunto do Estado español, o número de novas sociedades mercantís medrou 15,6% o pasado mes de xaneiro tomando como referencia o mesmo mes de 2022, até sumar un total de 9.472 empresas. Coa repunta de xaneiro, a creación de empresas volve a taxas positivas logo de que en decembro de 2022 experimentase un descenso interanual de 1,6%.

Para a constitución das 9.472 empresas creadas o pasado mes de xaneiro subscribíronse algo máis de 553 millóns de euros, o que supón 9,9% máis que en igual mes de 2022, mentres que o capital medio subscrito, que se situou en 58.388 euros, diminuíu por volta dun 4,9% interanual.

Á vez que subiu a creación de sociedades, tamén medrou a disolución de empresas en xaneiro, 5,8% a respecto do mesmo mes de 2022, até un total de 3.931, a cifra máis alta en catro anos, en concreto desde xaneiro de 2019. Deste modo, 127 empresas fecharon as súas portas no Estado español cada día de xaneiro. Das 3.931 empresas que puxeron o cadeado o pasado mes de xaneiro, 84,8% fixérono voluntariamente; 11,1%, por fusión con outras sociedades, e o 4,1% restante, por outras causas.

Do total, 19,4% das sociedades mercantís que se crearon no primeiro mes do ano dedicábase ao comercio e outro 16,8%, a actividades inmobiliarias, financeiras e seguros. No que atinxe ás sociedades disoltas por actividade económica principal, as maiores porcentaxes danse tamén no comercio (18,5%) e na construción (15,5%).

Pola súa parte, o número de sociedades mercantís que ampliaron capital subiu 8,2% en xaneiro, até as 3.436 empresas. O capital subscrito nas devanditas ampliacións superou os 2.787,1 millóns de euros, cifra 35,9% superior á de xaneiro de 2022, mentres que o capital medio foi de 808.795 euros, o que se traduce nun 25,6% máis.

Madrid e Catalunya, á cabeza

As comunidades que crearon un maior número de empresas o pasado mes de xaneiro foron Madrid (2.042 sociedades), Catalunya (1.868) e Andalucía, onde se crearon 1.680 empresas. As rexións que menos sociedades constituíron no primeiro mes do ano foron A Rioxa (45), Cantabria (74) e Nafarroa (93).

Todas as rexións crearon en xaneiro máis empresas que en igual mes de 2022, salvo Cantabria, que mostrou un retroceso interanual do 2,6%. Os avances máis acusados déronse na Rioxa (+60,7%), Baleares (+42,2%), Asturias (+38,1%), Nafarroa (+22,4%) e Madrid (+20,6%).

Atendendo ás sociedades mercantís disoltas, as comunidades con maior número de disolucións en xaneiro de 2023 foron Madrid (1.387), Andalucía (532) e País Valencià (320). Pola contra, as comunidades autónomas con menos sociedades mercantís disoltas foron Nafarroa (31), Cantabria (35) e A Rioxa (36).

Nove territorios elevaron o seu número de disolucións empresariais o pasado mes de xaneiro en taxa interanual, principalmente Murcia (+120%), Nafarroa (+93,8%) e Madrid (+29,9%), e oito reducíronas, especialmente Cantabria (-18,6%), Galiza (-15,7%) e País Valencià (-15,1%).

En termos mensuais —xaneiro de 2023 sobre decembro de 2022—, a constitución de novas empresas subiu 14,7%, a maior alza nun mes de xaneiro desde 2020, mentres que as disolucións empresariais incrementáronse en 21,5%, practicamente o mesmo que en xaneiro de 2022 (+21,8%).

Comentarios