A creación de empresas na Galiza sobe 13% en febreiro malia a disolución de 141 sociedades

Das 380 novas firmas, unha era unha sociedade anónima e o resto eran sociedades limitadas.
En 30% das empresas tecnolóxicas do país non hai ningunha muller. (Foto: Kite Rin)
photo_camera En febreiro desapareceron 141 compañías galegas. (Foto: Kite Rin)

O número de novas sociedades mercantís galegas aumentou en 13,4% en febreiro a respecto do mesmo mes de 2021, até sumar un total de 380 empresas, segundo datos difundidos esta terza feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Con todo, no segundo mes deste ano disolvéronse na Galiza 141 firmas, o que supón unha baixada de 24,2%, ficando como o terceiro territorio do Estado español con maiores descensos, só por detrás da Rioxa (-64,7%) e Asturias (-48,1%).

O capital subscrito das novas empresas alcanzou os 12,5 millóns de euros, todo desembolsado. Das 380 novas firmas, unha era unha sociedade anónima e o resto eran sociedades limitadas.

Aliás, en febreiro 125 compañías ampliaron capital no país, con 29,4 millóns de euros, mentres que outras 32 reduciron capital, con 31,8 millóns de euros.

Datos estatais

A nivel estatal, o número de novas sociedades mercantís aumentou en 5,1% en febreiro, até un total de 9.237 empresas, a súa maior cifra nun mes de febreiro desde 2019, segundo os datos do INE.

Esta suba, coa que se encadean catro meses de alzas, é lixeiramente superior á experimentada en xaneiro, cando a constitución de empresas medrou en 4,9% interanual.

Para a constitución das 9.237 empresas creadas en febreiro subscribíronse máis de 709 millóns de euros, o que supón 18,6% máis que no mesmo mes de 2021, mentres que o capital medio subscrito, que se situou en 76.802 euros, aumentou en 12,8% interanual.

Á vez que aumentou a creación de sociedades, en febreiro diminuíu a disolución de empresas, 2,9%, en comparanza con febreiro do ano pasado, até un total de 2.430. Desta forma, cada día do mes de febreiro deixaron de operar no Estado case 87 empresas.

Comentarios