A creación de empresas cae en marzo 10% pola COVID-19

En marzo creáronse na Galiza 344 novas sociedades mercantís, 10% menos que no mesmo período de 2019.
A creación de empresas estase a ver afectada polo coronavirus (Europa Press).
photo_camera A creación de empresas estase a ver afectada polo coronavirus (Europa Press).

O pasado mes de marzo, Galiza incorporou aos seus rexistros un total de 344 novas sociedades mercantís, o que supón 10% menos que no mesmo período de 2019, segundo os datos publicados onte polo Instituto Galego de Estatística (IGE), que atribúe este descenso ao estado de alarma decretado polo Goberno español para conter o avance da COVID-19.

O capital aportado para a constitución destas compañías foi de 16,9 millóns de euros, 26% menos que hai un ano. O capital medio subscrito foi de 49.000 euros por sociedade.

Das 344 empresas creadas, case todas foron S.L. (337), con dúas S.A. e cinco doutro tipo. 22,4% do total son da rama do comercio, seguido de industria e enerxía (14,5%), construción (13,4%) e hostalaría (11,3%).

Movementos de capital

Por outra parte, en marzo ampliaron capital social 114 sociedades, tres máis que hai 12 meses, por 79,3 millóns. No que atinxe ás disolucións, foron 107, o que supón cinco menos que hai un ano. Mentres, 19 reduciron o seu capital e houbo 8 que rexistraron procesos de fusión e escisión. O IGE tamén contabilizou 20 sociedades afectadas por concursos de acredores, cinco menos que no terceiro mes de 2019.

Os datos facilitados polo IGE contrastan co último Estudo sobre Demografía empresarial, realizado por Informa D&B, que sitúa a caída da creación de empresas na Galiza en 13,8% no mes de marzo, case catro puntos máis que os datos que manexa o centro galego.

A cifra é moi semellante á media dos territorios do Estado español, onde se constituíron 8.112 empresas, o que supón un descenso de 13% respecto ao ano pasado e de 5% en relación ao mes de febreiro.

Comentarios