A creación de empresas baixa na Galiza mentres sobe no Estado

En agosto constituíronse 0,8% menos que no mesmo mes de 2020 mentres que a nivel estatal aumentou en 9,7%

Polígono Industrial da Grela, A Coruña
photo_camera Polígono Industrial da Grela, A Coruña

Galiza rexistrou a creación de 248 empresas en agosto, o que supón un 0,8% menos que un anos antes, segundo os datos que publica esta quinta feira o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Deste modo, Galiza é un dos territorios que computa un descenso, o que contrasta co incremento do 9,7% de media no conxunto do Estado español.

Pola súa banda, houbo un total de 78 disolucións en Galiza en agosto, o que se traduce nun aumento do 16,4% respecto ao mesmo mes de 2020

O capital subscrito polas empresas galegas novas foi de 16,7 millóns. Todas as compañías creadas foron sociedades limitadas. Pola súa banda, houbo un total de 78 disolucións en Galiza en agosto, o que se traduce nun aumento do 16,4% respecto ao mesmo mes de 2020. Esta suba está por riba da media española (+13,4%).

Mentres, ampliaron capital 77 empresas por 31,8 millóns de euros. Ademais, 22 reduciron capital e unha realizou desembolso de dividendos de pasivos.

Cambios

Por outra parte, nos catro primeiros meses de 2021 marcharon da Galiza para se domiciliar noutros territorios do Estado 46 empresas, un número superior ás que fixeron ese mesmo camiño no primeiro cuadrimestre do ano pasado, 2020, cando foran 41.

Desas 46 sociedades, 17 foron para Madrid, unha terceira parte. A seguir figura Catalunya, onde recalaron 8 empresas; e Andalucía e Asturies, con 4 cada unha.

Porén, nestes meses o saldo non é negativo para Galiza. Se neses catro primeiros meses marcharon 46 empresas, chegaron a Galiza procedentes doutros territorios 63. Madrid e Catalunya son tamén os principais territorios de orixe desas sociedades que chegaron neses meses para se radicar na Galiza.

Comentarios