A creación de empresas aumentou na Galiza en 2021 malia os efectos da Covid-19

Perto de 30 comarcas experimentaron incrementos en relación ao ano anterior -marcado pola aparición da pandemia- pero moitas delas tamén superaron as cifras de 2019.
Manifestación no marco da folga xeral decorrida na Mariña para pedir un futuro para a comarca. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Manifestación no marco da folga xeral decorrida na Mariña para pedir un futuro para a comarca. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Diversos grupos industriais de grande ou medio tamaño levan meses, e mesmo anos, anunciando os feches das súas instalacións na Galiza e iso, en parte, está derivando nun maior emprendemento e na creación doutras sociedades mercantís que no 2021 que acaba de rematar igualaron os datos previos á pandemia do coronavirus.

A saída ou feche de grandes empresas que sosteñen miles de postos de traballo directos e indirectos no país é unha mala noticia. Sen dúbida, mais hai outros proxectos que veñen de tomar forma.

Segundo as estatísticas do Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (Borme) que vén de publicar o Instituto Galego de Estatística (IGE) xa cos datos definitivos do pasado exercicio, até en 29 comarcas se experimentou un crecemento no número de altas de negocios. Dadas as particularidades de 2020, a priori non sería un ano difícil de superar, pero nalgúns casos tamén se ascendeu por enriba das cifras de 2019.

É o caso, por exemplo, do cómputo global de todo o país. En 2021, e após saber que se rexistraron 300 novas empresas no mes de decembro, creáronse 3.927 novas compañías, a maioría de carácter limitado.

Un ano antes o número era de 3.196 -con independencia de que decembro tamén resultara positivo- e, ademais, tramitáronse perto de 150 altas máis que en 2019, cando non se tiña noticia do coronavirus.

A evolución comarcal

A mesma dinámica que na Galiza deixouse notar a nivel máis local nun total de 29 comarcas, aínda que non todas incrementaron os seus datos por enriba de hai dous anos. Entre as áreas con bos resultados en 2021 están O Barbanza (80 firmas novas); Betanzos (62); Noia (32); Xallas (19); Terra de Lemos (36); Allariz-Maceda (14); O Condado (59) ou O Morrazo (70), entre outras.

Tanto na Mariña Central como na Occidental houbo uns pequenos incrementos en relación a 2020, se ven na Mariña Oriental a baixada foi destacada pasando das 31 sociedades xeradas en 2020 ás 21 ao feche do seguinte exercicio. Así está unha das zonas máis afectadas polos anuncios das multinacionais como Alcoa da súa marcha.

Pola contra, as mellor paradas ao sumar as cifras de decembro foron as áreas das sete grandes cidades. En todas elas, agás en Ourense que equiparou os números aos de 2019, superáronse os rexistros dos dous anos anteriores. Na Coruña xurdiron 815 negocios e en Vigo 785.

Xa en Compostela o número foi de 321 e en Pontevedra contabilizáronse 221 altas. Ourense ficou con 212; Lugo chegou ás 158; e Ferrol, unha zona que tamén se ten manifestado na procura de apoio das autoridades para garantir o seu futuro industrial e laboral, sumou 119.

Comentarios