A creación de empresas afúndese 75% en abril

O pasado mes creáronse menos de cen sociedades na Galiza. Non houbo ningunha fusión nin escisión e só catro empresas reduciron capital.
2020050617425411074
photo_camera Rexistro de Compostela (Xoán Roberes).

O parón da actividade como consecuencia das medidas de prevención estabelecidas pola crise sanitaria da COVID-19 tamén pasou factura á creación de empresas o pasado mes de abril. Segundo os datos publicados onte polo Instituto Galego de Estatística (IGE), o mes pasado constituíronse un total de 96 sociedades na Galiza, o que supón un afundimento de 75% na creación empresarial  en relación ao mesmo período de 2019, no que se crearon 388 sociedades.

A sociedade limitada foi a fórmula de constitución elixida por 95 das empresas galegas de nova creación. Só unha foi doutro tipo. O capital medio subscrito por cada sociedade foi de máis de 235.000 euros.

A rama do comercio aglutina 25% das empresas creadas en abril, seguida da construción (13,5%), actividades inmobiliarias e financeiras (10,4%) e hostalaría e actividades profesionais (9,4%).

A presenza do sexo masculino segue a ser maioritaria como en meses precedentes: 109 socios (79,56% do total) fronte a 28 socias (20,44%). Case 69% constituíronse por un só socio e 17,7%, por dous.

Menos disolucións

Por outra banda, ampliaron capital por 5,6 millóns de euros un total de 26 empresas, o que supón un esborralle interanual de 88,8% no número de compañías. Tamén hai unha caída acusada das disolucións, xa que só houbo 28 no cuarto mes, o que supón 146 menos que hai un ano. Este mes non houbo ningunha fusión nin escisión, mentres catro empresas reduciron capital. No que atinxe aos concursos de acredores, abril fechou con catro sociedades afectadas, un descenso significativo respecto das 18 que se rexistraran tan só un ano antes.

Comentarios