As cotizadas galegas pisan o acelerador

O valor das accións das cotizadas galegas dispárase na recta final do ano.
Palacio da Bolsa de Madrid. (Europa Press)
photo_camera Palacio da Bolsa de Madrid. (Europa Press)

Cando remata o exercicio, as empresas cotizadas experimentan o que se da en chamar o rally de final de ano. E as galegas non son unha excepción. A coruñesa Greenalia, a empresa que levanta en Curtis a que será unha das maiores plantas de biomasa de Europa, con 49 megavatios de potencia instalada, é o máis claro exemplo desta tendencia. Desde o pasado 27 de novembro, os títulos da firma que preside Manuel García revalorizáronse 73,43%, ao pasar dos 7,15 euros nos que cotizaban a esa data aos 11,7 euros nos que fechou a xornada desta cuarta feira. Un caso semellante ao de Inditex. A multinacional téxtil, que declarou uns beneficios de 2.720 millóns de euros nos nove primeiros meses do ano, apuntouse unha suba de 8,85% no que levamos de decembro. Tampouco é pequena o crecemento, máis dilatado no tempo, dos títulos de Euroespes. A firma de biotecnoloxía con sede en Bergondo pasou de cotizar a 0,50 euros por acción a finais de outubro a facelo nos o,70 euros nos que está na actualidade, o que representa 40% máis.

O motivo destes crecementos é moi diverso. No caso de Greenalia, a compañía ven de anunciar a conclusión das obras da planta de biomasa de Curtis, a compra dun parque eólico á familia Alonso, propietaria da conserveira Jealsa, e o avance da construción dos seus parques eólicos, que empezarán a producir enerxía a comezos de 2020. No de Inditex, os mercados recibiron con optimismo os bos resultados acadados, por riba das previsións. A firma presidida por Amancio Ortega segue a disparara as súas ventas por todo o mundo, e iso reflíctese na súa cotización. Por último, no caso de Euroespes, os cambios na composición do seu consello como consecuencia da ampliación de capital de novembro do pasado ano, a nova organización e os avances nas súas investigacións biomédicas tamén foron ben acollidas polos mercados. 

A maioría en positivo

Das oito empresas cotizadas galegas, seis están en positivo no que vai de ano. A que máis crece entre xaneiro e o que levamos de decembro é a firma de educación e innovación con sede en Oleiros IFFE Futura, cunha revalorización de 136% após da súa incorporación ao segmento de empresas en expansión do Mercado Alternativo Bursátil  (MAB) aproveitando a ficha de Promorent Socimi. A seguinte que máis crecemento acumula é Greenalia, con máis de 60% desde os 7,3 euros por título con que comezou o ano. Inditex, pola súa banda, aumentou o valor das súas accións 34,77% neste período. Crecementos máis modestos tiveron Euroespes (3,7%), a firma de tecnoloxías da educación Netex (2,33%) e Adolfo Domínguez, que non experimentou variación algunha con respecto aos 6,9 euros por título con que comezou o ano. Do lado contrario quedan Commcenter, distribuidor independente de Movistar, que viu caer o valor das súas accións 19,3%, e Altia, a consultora tecnolóxica presidida por Tino Fernández, ex presidente do Deportivo da Coruña, que acumula unha depreciación de 2,65% nos seus títulos, que cotizan en 18,40 euros.

  Neste último caso, inflúe en gran medida o feito de que máis de 90% das accións estean en mans do propio Tino Fernández, a través da sociedade Boxleo TIC, e do investidor de orixe india Ram Bhavnani, que controla algo máis de 10% a través de varios vehículos de investimento. En Greenalia, o 89,3% dos títulos están en mans do seu presidente, Manuel García. O mesmo sucede en IFFE Futura, onde David Carro posúe 64,71% das accións. Amancio Ortega, con 59,29% de Inditex é o seguinte da listaxe, seguido dos fundadores de Netex, con 48,8% do capital; Moira Capital, que controla 48,49% de Euroespes, firma na que o seu fundador, o doutor Ramón Cacabelos, conserva 12,42%; Commcenter, onde o Grupo Otero ten 39% do capital, e Adolfo Domínguez, que conserva 31,51% na marca que leva o seu nome. 

Tamaño desigual

Pero cando falamos de empresas non podemos medir a todas por igual. Nada ten que ver a multinacional Inditex, con presencia en todo o mundo e o principal valor por capitalización do selectivo IBEX-35, con 93.873 millóns de euros, con Commcenter, a máis pequena das cotizadas galegas, que conta con 6,08 millóns de euros de capitalización.  Co seu imparábel crecemento, Greenalia é xa a segunda maior firma galega nos mercados por capitalización, con 248,32 millóns de euros de capitalización, case o dobre que Altia, que no seu día chegou a encabezar o MAB e que acada os 126,56 millóns de euros. Por detrás estaría Adolfo Domínguez, que cotiza no mercado continuo, con 64 millóns de euros, e IFFE Futura, que conta xa con 41,61 millóns de euros de capitalización. Netex (11,7M) e Euroespes (7,55M) son, xunto con Commcenter, as firmas con menos valor en bolsa.

O MAB tense convertido na lanzadeira de moitas empresas aos mercados de capitais para obter financiamento para os seus proxectos. No caso das cotizadas galegas, a pontevedresa EDF Solar podería ser a seguinte en sumarse a esta listaxe. 

Comentarios