As cotizadas galegas padecen o coronavirus

A crise do coronavirus estase a cebar coas cotizadas galegas, que nalgúns casos perden un terzo do seu valor nas últimas xornadas.  Inditex e Greenalia lideran os descensos, e PharmaMar, que prometía facer caixa cunha suposta vacina para a COVID-19, xa volve a cotizar por baixo do que o facía antes do anuncio.
Bolsa de Madrid (Europa Press)
photo_camera Bolsa de Madrid (Europa Press)

As empresas están descolocadas polo coronavirus, unha pandemia que está a mudar o xeito de traballar, pero que tamén trae consigo importantes consecuencias económicas. O medo que xera a propagación da COVID-19 tamén faise patente nos mercados de valores, onde os baixistas están a facer das súas. As cotizadas galegas non son para nada alleas a esta situación. De feito, Inditex, a maior empresa por capitalización na Bolsa de Madrid; PharmaMar, a firma que hai uns días anunciaba que estaba a traballar nun tratamento contra o virus e un kit de detección, e Greenalia, unha das principais compañías no Mercado Alternativo Bursátil (MAB), son tres das grandes prexudicadas polas caídas que experimentan os mercados de valores.

O aumento do contaxios e dos falecementos no Estado español levou a que o selectivo Ibex-35 pasase de facer as beiras cos 10.000 puntos a perder a referencia dos 7.000 na xornada de onte. Unha caída de 30%, á que tamén contribuíron as tímidas medidas anunciadas polo Banco Central Europeo (BCE) para tratar de conter a sangría.

A entidade que preside Christine Lagarde decidiu manter sen cambios os tipos de interese de referencia para as operacións de refinanciamento, que seguen en 0%, mentres que a taxa de facilidade de depósito continuará en -0,5% e a de facilidade de empréstito en 0,25%. De pouco serviu que o instituto emisor anunciase novas poxas de liquidez temporais, até xuño de 2020, e aprobase unha compra extraordinaria de activos por valor de 120.000 millóns até finais de ano. Lagarde argumentou que non vía "signos materiais" de tensión nos mercados monetarios ou falla de liquidez no sistema bancario. Aínda así, sinalou que estas operacións proporcionarán un colchón no caso de que sea necesario activar mecanismos para evitar esas situacións.

As máis prexudicadas

Pese aos anuncios desde o BCE, a bolsa seguiu en caída libre, con baixadas de até 11%. Os títulos de PharmaMar, a compañía presidida por José María Fernández de Sousa e que ten a Sandra Ortega, a filla do fundador de Inditex entre as súas principais accionistas, deixábase arredor de 20% na xornada. Os títulos chegaron a superar á baixa o límite dos 2,5 euros por acción, un dato que contrasta cos 4,59 que chegou a marcar hai unha semana, cando a compañía anunciou que estaba a investigar se o seu fármaco Aplidin, rexeitado pola Axencia Europea do Medicamento para o tratamento de determinados tipos de cancro, podería empregarse para poñerlle freo ao coronavirus. Desde entón, a compañía vale un 45% menos en bolsa. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

Comentarios