A cota das autónomas sobe entre 3 e 12 euros ao mes

Esta medida non afecta ás que teñan 'Tarifa plana'.
O ministro de Seguridade Social, José Luis Escrivá. (Foto: Europa Press)
photo_camera O ministro de Seguridade Social, José Luis Escrivá. (Foto: Europa Press)

As traballadoras autónomas, que na Galiza foron das que máis sufriron a falta de apoios por parte da Xunta, verán nos vindeiros meses como se encarecen as súas cotizacións sociais entre 3 e 12 euros ao mes, en función da base pola que coticen, xa a partir de xaneiro. Isto débese á aplicación por parte do Goberno español do Real Decreto-lei, do 28 de decembro de 2018, que contemplaba un incremento dos tipos de cotización por continxencias profesionais e cesamento de actividade en 2019, 2020 e 2021.

Así, estabelécese un aumento do tipo de cotización de 0,8% en 2020 a 0,9% en 2021 no caso do cesamento de actividade, e de 1,1% até 1,3% por continxencias profesionais.

A pesar de que o cambio de 2020 debería ter entrado en vigor ao comezar o ano, non foi até outubro cando se aplicou a subida. De feito, durante a maior parte dese ano, os autónomos e as autónomas estiveron pagando 30% da súa base de cotización, en troques dun importe polo 30,3%.

A suba nos tipos de cotización afecta a todo o colectivo excepto a aquelas persoas acollidas á bonificación da 'tarifa plana'.

Segundo explican desde a Seguridade Social, o aumento de tipos por continxencias profesionais inclúese normalmente nas modificacións de tipos e de bases de cotización mínimas e máximas simultaneamente na orde de cotización, "algo que durante 2020 non se fixo". O organismo público lembra que na cota de novembro se incluíu a suba de setembro e queda pendente a parte correspondente entre xaneiro e agosto.

Tamén queda por coñecer a data na que a Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TGSS) procederá ao cargo das liquidacións que non se cobraron de xaneiro a agosto de 2020, cuxo importe oscila entre os 22 euros e os 98 euros, dependendo da base de cotización pola que se cotice. Así, no caso de cotizar pola mínima, a cota será de 289 euros, e de 1.245,4 euros se o fai pola máxima.

Esta mesma semana, o presidente da Federación Nacional de Asociacións de Traballadores Autónomos (ATA), Lorenzo Amor, denunciou que "se de verdade se quere apoiar os autónomos e as autónomas, que necesidade hai, coa que está a caer, de subir as cotas outra vez? Non se pode aprazar a subida? Menos mercadotecnia e máis realidade!", reclamou.

Comentarios