A Coruña emula Barcelona, Iruña e Cádiz coa creación dunha eléctrica municipal

Esta terza feira constitúese a comisión político-técnica que definirá a estrutura do novo operador enerxético coruñés.
Instalación solar fotovoltaica no centro de referencia climática Fernándo Rábade, no parque de Bens da Coruña (Foto: Concello da Coruña).
photo_camera Instalación solar fotovoltaica no centro de referencia climática Fernándo Rábade, no parque de Bens da Coruña (Foto: Concello da Coruña).

O Concello da Coruña avanza na creación da que sería a primeira empresa pública municipal de enerxía da Galiza. Hoxe ten previsto constituír a comisión político-técnica que deberá definir os aspectos social, xurídico, técnico e financeiro da actividade do novo operador enerxético.

A comisión estará formada por persoal técnico municipal e terá representación da Empresa Municipal de Augas da Coruña (Emalcsa), que asume a xestión do operador, e de todos os grupos políticos da Corporación, ademais de persoal investigador das universidades da Coruña e Santiago de Compostela.

A súa constitución prodúcese catro meses despois do acordo plenario do pasado 3 de decembro de 2021 ─cos votos favorábeis de PSOE, Marea Atlántica e BNG e a oposición do PP─ co que se iniciou o proceso para a creación da nova empresa municipal, pese a que o prazo inicial era de dous meses.

A constitución desta empresaé un proxecto que iniciou a súa andadura no ano 2019, con Marea Atlántica no Goberno, e que, como apuntan fontes coñecedoras do sector, "non vai ser unha realidade a curto prazo". 

Cuestión de tempos

Certo é que o Concello da Coruña ten xa avanzado  moito na parte de xeración enerxética e autoconsumo nos últimos anos, con varias instalacións capaces de subministrar enerxía ás instalacións municipais, que sería o primeiro obxectivo da eléctrica coruñesa, que aspira nun futuro a converterse en "alternativa" ás grandes empresas eléctricas.

Con todo, queda menos dun ano para as eleccións municipais, o que podería provocar, no caso de que houbese un cambio de Goberno e o PP, que cualificou a creación do ente de "tomadura de pelo", accedese a Alcaldía, que o proxecto quedase aparcado nun caixón. 

Isto foi o que pasou en Iruña (Nafarroa), onde o anterior alcalde, Joseba Asirón (EH Bildu) impulsara a creación dun operador enerxético municipal que se encargaba da comercialización da enerxía producida polas instalacións de renovábeis da cidade ─xeración fotovoltaica nas cubertas de colexios e pérgolas, biomasa e xeotermia en dúas escolas infantís─, inicialmente para cubrir a demanda do alumeado e os edificios públicos para, nunha segunda fase, estendelo ás familias, cun plan especial para persoas consumidoras en situación de risco ou pobreza enerxética.

Porén, coa chegada de Enrique Maya (Navarra Suma) á Alcaldía, a entidade liquidouse e os seus activos pasaron a integrarse na axencia enerxética municipal.

As superviventes

Outras urbes como Barcelona ou Cádiz manteñen activas as súas empresas municipais de enerxía. 

No caso de Barcelona Energia, participada polo Concello de Barcelona e a Autoridade Metropolitana de Barcelona (AMB), leva desde 2019 ofrecendo os seus servizos á cidadanía e na actualidade conta con catorce entidades municipais adheridas.

Tanto a firma catalá como Eléctrica de Cádiz pagan agora as consecuencias da crise, pois, após meses tratando de conter a suba de prezos, víronse na obriga de modificar as tarifas e facelas menos atractivas que as que ofrecen as grandes enerxéticas. 

Comentarios