O coronavirus pon o sector vitivinícola galego contra as cordas

Os traballos de campo continúan xa que "as vides non entenden de pandemias", polo que nin se pode vender o produto nin acollerse ás medidas laborais habilitadas polo Goberno do Estado.

photo_camera

A Asociación Galega de Viticultura (AGV) asegurou nesta terza feira, 31 de marzo, que o sector está "contra as cordas" como consecuencia da pandemia da COVID-19. O feche de locais de hostalería e a imposibilidade de exportar o produto está a obrigar as adegas a recortar gastos a "recorrer, como noutros sectores, a medidas laborais ou redución doutros insumos".

Porén, quéixanse de que "o sector vitivinícola, e nomeadamente as adegas, non se poden acoller a ningunha das medidas laborais habilitadas polo Goberno do Estado para as empresas e autónomos", xa que ─explican─ "as vides non entenden de pandemias" e "seguen os seus ritmos biolóxicos", polo que "hai que seguir facendo os traballos de campo" para garantir a próxima colleita de uva e os viños do seguinte ano.

Propostas de apoio económicos

Neste sentido desde a AGV piden que se habilite "con urxencia" un plan específico de apoio ao sector vitivinícola galego, "sen desbotar outro tipo de axudas similares ás previstas noutros sectores económicos".

Nomeadamente, falan de "flexibilidade fiscal" mediante moratorias tales como liquidación do IVE, taxas e outros impostos; apoio ao "mantemento do emprego activo", con moratoria das cotas da Seguridade Social dos traballadores propios e autónomos; "financiamento", con liñas de crédito públicas a tipo de xuro 0%, e "moratoria dos créditos hipotecarios" durante o estado de alarma.

Implicación da Xunta

Tamén, a AGV solicitou á Xunta un plan para "o día despois" que apoie a "valorización dos nosos viños entre os consumidores, dentro e fóra da Galiza, e a recuperación do consumo", e así llo trasladou na pasada quinta feira, 26 de marzo, á Consellería do Medio Rural.

Comentarios