O coronavirus deixa a Galiza con 3.000 pensionistas menos

A cifra de baixas de prestacións rexistradas na Seguridade Social superan de largo a cifra de oficial de mortos pola pandemia, que se sitúa nos 650
O número de pensionistas na Galiza caeu co coronavirus (Foto: Arxina).
photo_camera O número de pensionistas na Galiza caeu co coronavirus (Foto: Arxina).

A pandemia da Covid-19 está a mudar a estrutura demográfica e económica da Galiza. O coronavirus deixa xa 650 vítimas no país e ameaza con facer máis acusado o declive poboacional. 

No eido económico tamén está a ter consecuencias, por exemplo na caída do número de pensionistas. Entre febreiro e xullo, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, Galiza perdeu 3.065 pensionistas ao pasar das 767.141 de febreiro ás 764.076 persoas que cobraban pensión en xullo.  

Por réximes, o de persoas traballadoras por conta allea, as autónomas, é o que experimenta unha maior caída, con 1.877 pensionistas menos entre marzo e xullo, unha cifra que cada vez vai a menos. De feito, en agosto desapareceron outras 223, o que eleva o total a 2.100.

Tamén descendeu o número de pensionistas no réxime de traballadores do mar en 338, até os 54.009 beneficiarios que había en agosto, no da minaría do carbón, que queda con 1.503 pensionistas após perder 21 desde marzo, e os do réxime SOVI, unha figura residual que engloba as persoas traballadoras que, reunindo os requisitos exixidos pola lexislación do extinguido réxime, non teñan dereito a pensión do actual Sistema da Seguridade Social, con excepción das pensións de viuvez das que poidan ser beneficiarias. Estes pasaron de 10.929 pensionistas en marzo a 10.602 en agosto.  

Accidentes de traballo e enfermidades profesionais

Con todo, en agosto ingresaron no réxime xeral 665 novos pensionistas, co que compensa parte destes descensos e deixa a caída total nos 2.715 pensionistas desde o mes de febreiro. Tamén contribúen a reducir estas cifras o aumento no número de pensionistas por accidente de traballo, que suman 37 novas persoas beneficiarias até agosto, o que deixa o total neste réxime nas 18.122 persoas, e o de enfermidades profesionais, que gaña outras dez, até acadar as 3.187 pensionistas.

A evolución das altas e baixas foi desigual por mor das restricións estabelecidas no decreto do estado de alarma, un período no que a tramitación deste tipo de prestacións levou máis tempo do habitual, tendencia que se reverteu nos últimos meses.

Cambio de tendencia

Segundo os datos do IGE, o mes de abril, afectado na súa totalidade polo confinamento, foi o que máis diferenza constatou entre o número de altas e baixas de pensións contributivas na Galiza. Foron 2.082 baixas máis que altas (3.769 fronte a 1.687). Nos meses de febreiro (1.235 máis), marzo (462 máis) e maio (254 máis), as baixas nas prestacións superaron ao número de altas. 

Esta tendencia, como se aprecia nos datos, suavizouse co fin do estado de alarma, e xa nos últimos meses rexistrou un cambio substancial. Así, nos meses de xuño e xullo tramitáronse 3.238 e 3.406 novas altas de pensionistas, respectivamente, por 2.444 e 3.044 baixas, o que deixa un saldo de 1.201 pensionistas.   

Máis incapacidades

Un dato chamativo é o correspondente ás pensións por incapacidade permanente, que superaron todos os meses ao número de baixas neste tipo de prestacións. Entre marzo e xullo tramitáronse 2.224 altas deste tipo fonte ás 668 baixas rexistradas. Xusto o contrario do que acontece coas pensións de xubilación. Neste apartado, coa única excepción de xullo, onde se produciron 15 baixas máis que altas, no resto dos meses a tendencia foi a contraria. Volve chamar a atención a información do mes de abril, cunha diferenza de 1.532 baixas  (2.881) fronte a altas (823). Este dato contribuíu a que a diferenza entre altas e baixas no período comprendido entre marzo e xullo ascendese a 2.692 (6.404 altas fronte a 9.096 baixas).

A situación nas de viuvez coincide coas de xubilación no feito de que as baixas no período (4.341) superan ás altas (3.958), se ben o dato de abril (1.132 baixas fonte 531 altas) foi determinante, xa que os meses de maio, xuño e xullo o saldo sempre foi a favor das altas, un comportamento que replican as de orfandade, con 512 altas entre marzo e xullo fronte a 573 baixas. 

 As mortes por coronavirus están detrás de parte do incremento das baixas de pensións, máis á vista dos datos non son o único factor, xa que só servirían para xustificar unha cuarta parte do descenso. Ademais, hai que ter en conta que o falecemento dun pensionista tamén pode xerar á súa vez novos pensionistas por viuvez e, nalgún caso, por orfandade. Con todo, haberá que prestar atención nos vindeiros meses á evolución da pandemia, xa que determinará tamén a do número de pensionistas.

Á cola en remuneración

Galiza ten menos pensionistas. Os que conserva cobran un anaquiño máis, xa que as prestacións subiron 2,28% respecto aos valores do ano anterior. A pensión media estaba a 1 de agosto nos 861,26 euros. Esta cantidade sitúa a Galiza á cola do Estado español. Só Estremadura presenta unha pensión media máis baixa (843,52  euros) e a diferencia coa media estatal, que se sitúa nos 1.012,94 euros, é de 151,68 euros.

Segundo os datos do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, as 764.426 pensionistas con que contaba Galiza a 1 de agosto representaban 7,82% do total estatal e 0,18% menos que no mesmo mes do ano anterior. Por tipoloxía, as pensións por incapacidade permanente levan de media 891,86 euros; 980,03 euros de media as de xubilacións, mentres que ás de viuvez correspóndenlles 613,17 euros de media.

Comentarios