Coronavirus: transatlántico xaponés anula escala na Galiza

O 'ASuka II', ten capacidade para perto dun milleiro de pasaxeiros e pasaxeiras. 
Asuka II cvruceiro transatlántico
photo_camera Asuka II

O Porto de Vigo confirmou esta sexta feira a anulación da escala do cruceiro xaponés 'Asuka II', inicialmente prevista para o 13 de maio, debido ao coronavirus.

Así o trasladou o presidente da Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga, nunha rolda de prensa posterior á reunión do Consello de Administración do organismo portuario.

Segundo explicou, até o momento confirmouse esta cancelación, motivada polo "medo" á expansión do coronavirus, que repercute nas decisións das navieras. "Despois do que pasou, hai medo a quedar encerrado nos cruceiros (...), hai medo a meterse en sitios de moita concentración de xente", constatou.

Así as cousas, o presidente da terminal viguesa mostrou a súa "preocupación" porque a crise do coronavirus vai afectar ao tráfico de cruceiros, xa "paralizado en Asia", e terá repercusións non só en Vigo, senón en todos os portos.

Enrique López Veiga expresou a súa esperanza de que, "se vén pronto o bo tempo" e remite a epidemia, quizás o Porto poida "recuperar a normalidade" con respecto a eses tráficos de pasaxeiros. Até agora, hai confirmadas 73 escalas de cruceiros para 2020 na terminal olívica.

Comentarios