Copasa, sacionada xunto a outras construtoras por "alterar" licitacións de Fomento

Competencia sanciona con 61,3 millóns de euros á galega Copasa e a outras construtoras por formar un cartel para alterar licitacións de Fomento para o mantemento de estradas.

 

EuropaPress_3054956_obras_autovia_a-381
photo_camera Obras de conservación nunha autovía (Foto: Europa Press).

Copasa, a firma ourensá de infraestruturas que preside José Luis Suárez, terá que abonar 5,6 millóns de euros para facer fronte á sanción que vén de imporlle a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) por ser parte dun cartel que supostamente alterou licitacións de Fomento para o mantemento de estradas.

O cartel, formado por unha ducia de empresas, foi sancionado polo organismo regulador cun total de 61,3 millóns de euros. Entre as construtoras multadas pola CNMC atópanse as filiais de Acciona, ACS, OHL, Ferrovial, FCC, Elecnor e Sacyr, por unha infracción constitutiva de cartel consistente na alteración das licitacións de servizos de conservación e explotación de estradas convocadas polo Ministerio de Fomento desde 2014 a 2018.

Infracción grave

Competencia subliñou que se trata dunha infracción moi grave prohibida polo artigo 1 da Lei de Defensa da Competencia e o 101 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea e sancionou ademais a estas empresas coa prohibición de contratar coas Administracións públicas.

As empresas sancionadas por formar parte deste cartel son Acciona Mantemento e solidariamente a súa matriz Acciona, Aceinsa, Alvac, API e solidariamente a súa matriz ACS, Audeca e solidariamente a súa matriz Elecnor, Copasa, Elsamex, Elsan e solidariamente a súa matriz OHL, Ferroser e solidariamente a súa matriz Ferrovial, Innovia e solidariamente a súa matriz Copcisa, Matinsa e solidariamente a súa matriz FCC, e Sacyr Conservación e solidariamente a súa matriz Sacyr.

A sanción máis elevada corresponde a API (ACS), con 11,78 millóns de euros. A filial de FCC, Matinsa, foi multada con 8,5 millóns, mentres que Ferroser (Ferrovial) foi sancionada con 5,7 millóns de euros. Tras Copasa, multada con 5,6 millóns, a filial de Sacyr terá que responder con 5,17 millóns, mentres que Elsan (OHL) foi sancionada con 3 millóns de euros; Acciona Mantemento con 2,33 millóns, e Audeca (Elecnor), con 2,6 millóns.

Segundo a CNMC, as empresas sancionadas participaban sistematicamente en todas as licitacións acordadas, restrinxindo o número de ofertas con baixas superiores a un limiar predeterminado polo cartel que podían presentar.

Conversas desde 2009

A CNMC puido acreditar que o cartel operou entre febreiro de 2014 e decembro de 2018, aínda que detectou conversas desde 2009. As empresas participantes adxudicáronse 71 licitacións dun total de 101 que sacou o Ministerio de Fomento relacionadas coa prestación de servizos de conservación e explotación da Rede de Estradas do Estado.

O importe total das adxudicacións a empresas do cartel superou os 530 millóns de euros, o que supón 63% do importe total adxudicado polo Ministerio para os servizos de conservación das Rede de Estradas do Estado.

Unha das empresas participantes no cártel,  Aceinsa, acolleuse ao Programa de Clemencia da CNMC, polo que non se lle aplica a circunstancia agravante e verase beneficiada dun desconto de 50% da sanción imposta, quedando exenta ademais da aplicación da prohibición de contratar coa Administración.

Comentarios