A convocatoria de eleccións anticipadas acelera os tempos para a execución dos fondos da UE

O Executivo estatal asegura que solicitará "canto antes" o cuarto pago destes recursos, de 10.000 millóns, ao culminar a segunda parte da reforma das pensións.
A vicepresidenta do Executivo estatal, Nadia Calviño (Ricardo Rubio / Europa Press).
photo_camera A vicepresidenta do Executivo estatal, Nadia Calviño (Ricardo Rubio / Europa Press).

A convocatoria de eleccións xerais anticipadas o próximo 23 de xullo pon no punto de mira a execución de fitos e obxectivos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, cuxo prazo para comprometer as axudas non reembolsábeis finaliza o 31 de decembro deste mesmo ano.

"As normas do regulamento -da Unión Europea (UE)- son moi claras", aseguran fontes do Executivo estatal. Até o de agora, o Estado español recibiu 37.036 millóns de euros, o equivalente a 53% do total que lle corresponde en forma de transferencias non reembolsábeis, que ascende a 69.528 millóns de euros do Plan de Recuperación.

Ao longo de 2023, a folla de ruta do Plan prevé outros dous pagos por importe de 10.000 millóns de euros e 7.000 millóns de euros dos fondos da UE. O Executivo estatal asegura que solicitará "canto antes" o cuarto pago destes recursos, de 10.000 millóns, ao culminar a segunda parte da reforma das pensións.

Despois disto, os desembolsos completaranse con tres pagos anuais previstos de 8.000 millóns de euros en xuño de 2024, 3.500 millóns de euros en xuño de 2025 e 4.000 millóns de euros en decembro de 2026.

Mais antes diso, o 31 de decembro deste mesmo ano finaliza o prazo para comprometer as axudas non reembolsábeis. Segundo o último informe de Execución, publicado en febreiro, o Estado español executaría 75% dos fondos da UE previstos nos Orzamentos de 2021 e 2022, mentres que habería 90% de créditos autorizados e 81% comprometido.

Ademais, segundo a titular española de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, o despregamento destes fondos teríase acelerado notabelmente no primeiro trimestre de 2023, con máis de 10.757 millóns de euros autorizados. Este volume de fondos autorizados equivale a case 40% dos 28.692 millóns orzados para todo o exercicio 2023.

Aprobación da addenda ao Plan

O Goberno estatal leva meses mantendo reunións cos gobernos autonómicos, os grupos parlamentarios e os axentes sociais para a elaboración da addenda ao Plan de Recuperación, coa que se mobilizarán 7.700 millóns de euros adicionais en transferencias e 84.000 millóns de euros en préstamos, que se sumarán aos 70.000 millóns de euros da primeira fase do Plan.

A finais de ano, Calviño expuxo un primeiro borrador desta addenda, na que o Executivo español segue traballando co fin de aprobar a súa versión definitiva e formal a vindeira terza feira para remitila a Bruxelas. Segundo o regulamento, o prazo máximo para remitir esta addenda sería o 31 de agosto deste ano.

Mais o Estado español xa presentou formalmente a petición dos préstamos á Comisión Europea. Con estes recursos e as transferencias adicionais, o Goberno estatal pretende concentrar os investimentos e reformas no impulso da industrialización e autonomía estratéxica nos ámbitos enerxético, agroalimentario, industrial, tecnolóxico e dixital, reforzando os investimentos dos 12 proxectos estratéxicos (Perte) xa aprobados e en marcha.

Ademais, a vicepresidenta primeira xa avanzou que se incluirá nas novidades desta versión definitiva da addenda un fondo de 1.000 millóns de euros para a "modernización e sustentabilidade" do sector turístico.

Comentarios