Convocan un apagón para o 30D contra a suba da luz

Cun apagón o día 30 de decembro ás 19 horas, a organización Facua-consumidores e Acción protesta contra a nova suba do recibo da luz anunciada polo ministro Soria que será dun 11% a partir de xaneiro. Denuncia que nos últimos dez anos se incrementou un 78% e chama á mobilización social 

Facua chama a mobilización contra a suba da luz que, segundo calcula, sufriu un incremento dun 78% nos últimos dez anos debido ´as “políticas liberalizadoras desenvolvidas polos gobernos do PP e o PSOE”. 

Reclaman ao Goberno unha nova regulación das tarifas que deixe de basearse no mercado, unha auditoria sobre o déficit de tarifa e tamén que se lle impida ás compañías eléctricas a cortar a enerxía eléctrica por impago ás familias durante os meses de inverno, medida esta que levou o BNG ao pasado pleno e que rexeitou o PP. En Catalunya a Generalitat está a promover reformas lexislativas para loitar contra a pobreza enerxética. 

Segundo a organización de consumidores, o usuario medio pasou de pagar 43,47 euros na factura de hai dez anos a 77,37 na actualidade. O prezo do kilowatio subiu, segundo o seu estudo, un 119%. 

Comentarios