O control da xestión do fondo de rescate racha o acordo entre Administracións

A Xunta da Galiza non cedeu esta sexta feira diante das propostas de deputacións e concellos de descentralizar a distribución do fondo de rescate. O aumento da cifra inicial coa que se partía, de 50 a 75 millones de euros por parte do Goberno galego, foi o único positivo das xuntanzas. O Goberno galego anunciou ao remate que procederá a disitribuir a súa parte tal e como tiña pensado.
Instantes antes de comezar a reunión entre Xunta, deputacións e Fegamp (Xunta da Galiza)
photo_camera Instantes antes de comezar a reunión entre Xunta, deputacións e Fegamp (Foto: Xunta da Galiza)

A terceira reunión convocada polo Clúster de Turismo entre Xunta, deputacións e Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) rematou sen acordo. Dos dous temas centrais a tratar, orzamento total do fondo de rescate e xestión do mesmo, este segundo foi o que rachou a xuntanza antes de tempo.

"Non é un fracaso, os concellos non nos levantamos da mesa e estamos dispostos a seguir negociando", asegurou ao remate o presidente da Fegamp, Alberto Varela. Na súa valoración do acontecido na xuntanza apunta sobre á proposta que presentaron a Xunta respondeu asegurando que "había dificultades técnicas para aceptar". En todo caso Varela afirmou que estarían dispostos a continuar as negociacións 

A Fegamp demandou a xestión para os concellos

A Fegamp e as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra puxeron enriba da mesa de negociación novas propostas para o fondo común de rescate á hostalería. Ademais de teimar en que a Xunta sume a mesma porcentaxe que propuxeron desde o inicio das conversas, 1% dos orzamentos de cada administración, reiteraron a adopción do chamado "modelo Valencia" que estabelece que a xestión do fondo se realice a través dos concellos.

Alén diso, a federación aseguraba nun comunicado previo que, en base ao principio de solidariedade, a Fegamp pediu á Xunta "que habilite un fondo adicional para aqueles concellos que demostren a súa incapacidade para achegar diñeiro ao plan de axudas común". Varela afirmou ao remate da reunión que "sería difícil de explicar que dos impostos dos comerciantes dun concello non quedaran nese concello".

As alcaldías gobernadas polo PP, pola contra, sementaron a división no organismo ao apoiar que sexa a Xunta quen se encargue da xestión. Nun comunicado, o vicepresidente da Fegamp, Alfonso Villares, sinalaba que "Un sistema autonómico único é fundamental para harmonizar os trámites". Da mesma opinión era o rexedor de Sober, Luis Fernández Guitián, que ve "absolutamente lóxico que volva ser a Xunta quen xestione estas axudas", tendo en conta que "o primeiro rescate funcionou ben".

As deputacións piden 1% e xestión municipal

As deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo sinalaron antes de entrar na xuntanza que manteñen "a necesidade" de que cada administración destine 1% dos seus orzamentos ao fondo conxunto. Estas tres institucións gobernadas polo PSOE e BNG, cualificaron tamén de "irrenunciábel" que os recursos "sexan xestionados polos municipios". Por este motivo presentaron na reunión "unha proposta onde mediante un decreto autonómico fíxanse os sectores beneficiarios, os criterios e até os importes das axudas que son por concesión directa e tramitadas polos concellos".

Rueda e Lorenzana queren centralizar a xestión

A Xunta, polo seu lado, segue a querer levar o control destas axudas millonarias centralizando toda a xestión. Alfonso Rueda, vicepresidente, e María Jesús Lorenzana, conselleira de  Emprego, mimetizaron a proposta do primeiro fondo asegurando nun comunicado previo ao encontro que "un modelo híbrido" para a distribución das axudas á hostalaría "atrasaría o pago" das axudas que entrarían neste fondo común.

Desde o Goberno galego aseguraron que non levar eles a xestión podería causar "complicacións burocráticas que o atrasarían todo". Ademais, aseguran que moitos concellos da Fegamp "consideran imprescindíbel que sexa distribuído pola Xunta".

O sector da hostalaría, horas antes da xuntanza,  manifestou o seu malestar diante dos edificios administrativos da Xunta en San Caetano após unha marcha convocada pola asociación Hostalaría Compostela, coincidindo coa asociación de Hostaleiros de Pontevedra, Poio e Marín (Hoempo) que viñeron camiñando desde Pontevedra até o Milladoiro (Ames) o día anterior. Entre as demandas ao Goberno galego a principal foi que se atenderan as medidas do Plan de Rescate que a hostalaría presentou en novembro.

Comentarios