Control de aforo e desinfeccións das devolucións, primeiras medidas das tendas de roupa

A patronal estatal do sector do comercio téxtil (Acotex) asegura que traballan nun protocolo semellante ao que xa se activou cos estabelecementos de alimentación. Agardan unha caída de vendas de 70% coa apertura de tendas polo que reducirán horarios.

Comercio téxtil (Acotex)
photo_camera Comercio téxtil (Acotex)

O sector do comercio téxtil comeza a pensar no día despois do estado de alarma. A patronal estatal do sector, Acotex, informa nun comunicado que, malia que aínda o Goberno español non lles informou de ningún tipo de protocolo para a abertura de tendas, están a traballar nun propio.

As medidas que propoñen son moi semellantes ás que agora mesmo empregan os estabelecementos de alimentación abertos. As tendas de roupa controlarán o aforo e recomendarán manter unha distancia de metro e medio entre as persoas no seu interior. En relación ao contacto coas prendas aseguran que seguirán un proceso de desinfección das pezas devoltas, sacándoas da venda durante 48 horas.

Seguridade de persoal e clientas

Para garantir a seguridade de clientes, empregadas e empregados, ademais de todos os produtos que se vendan, extremaranse os procesos de limpeza e desinfección dos estabelecementos a diario.

O persoal das tendas tomarán as medidas necesarias como protección facial con máscaras ou pantallas e o uso de luvas ademais de poñer ao dispor das clientas e clientes xel desinfectante e luvas.

Segundo Acotex nas tendas non poderá haber aglomeracións e para iso controlarase a entrada e saída dos estabelecementos.

Uso de probadores

Así mesmo, desde  Acotex recoméndase que nos probadores se tomen todas as medidas de saúde e hixiene necesarias para mantelos  desinfectados.

En relación aos cambios e as devolucións, manterase a política que aplique habitualmente cada estabelecemento e seguirase un proceso de desinfección das pezas devoltas, sacándoas da venda durante 48 horas.

Baixada de vendas

Por outro lado, a organización representante das tendas de roupa e complementos, advirte de que o Goberno ten que garantir a recuperación do persoal afectado polos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) de forma graduada.

Indican que, segundo as súas estimacións, a caída das vendas podería ser de 70%, polo que moitos comercios de roupa terán que reducir os seus horarios.

Comentarios