Continúa a escalada: 210 pacientes en UCI e 1.643 contaxios

A presión hospitalaria segue en aumento na Galiza, cuxos hospitais contan con 1.331 pacientes coa Covid ingresados, 210 deles en UCI e 1.121 noutras unidades. Ademais, volven repuntar os contaxios diarios, con 1.643.

Unha persoa é trasladada a un centro hospitalario contaxiada pola Covid-19. (Foto: Europa Press)
photo_camera Unha persoa é trasladada a un centro hospitalario contaxiada pola Covid-19. (Foto: Europa Press)

Así se desprende dos datos publicados na mañá desta sexta feira pola Consellaría de Sanidade con cifras de até as 18 horas de onte, nas que se constata un aumento de 17 pacientes con coronavirus en UCI -esta semana superouse o pico máximo da primeira onda de 177 ingresados con Covid en unidades críticos notificados o 4 de abril- e de 35 máis noutras unidades con respecto á xornada anterior.

Por áreas sanitarias, os ingresos descenderon lixeiramente na de Vigo, que conta con 164 en unidades convencionais -oito menos- e 23 mantéñense en UCI -sen cambios con respecto á xornada anterior-; mentres que na de Lugo hai un máis en UCI (16) e un menos noutras unidades (56); así como na de Ourense, onde baixan en dúas os hospitalizados en UCI (12) e aumenta nun noutras unidades (178).

O distrito sanitario da Coruña e Cee segue á cabeza en ingresos, con 69 pacientes con coronavirus en UCI -10 máis- e 321 noutras unidades -11 máis-; mentres que no de Santiago e Barbanza aumentan a 40 -cinco máis- e 133 -14 máis-, respectivamente. Na área de Pontevedra e O Salnés as persoas coa Covid en unidade de críticos aumentan en oito até os 25 e os que se atopan noutras unidades, a 119 -tres máis-, mentres que na de Ferrol baixan os de UCI a 25 -cinco menos- e soben a 150 os doutras unidades -15 máis-.

Máis contaxios e máis casos

Tamén aumentan os casos activos de Covid-19 até os 22.124 na Galiza, o que supón 511 máis que a xornada anterior. Por áreas sanitarias, 5.912 corresponden á da Coruña e Cee; 3.799 á de Vigo; 3.373 á de Santiago e Barbanza; 2.989 á de Ourense; 2.246 á de Pontevedra e O Salnés; 2.009 á de Lugo e 1.796 á de Ferrol.

Os contaxios diarios -detectados cos diferentes tipos de probas- volveron repuntar, con case 200 máis que a xornada anterior, até os 1.643, fronte aos 1.468 do día anterior. Do total, 1.390 foron confirmados por PCR nas últimas 24 horas. Realizáronse 13.653 PCR, case un milleiro máis que a xornada anterior.

Por áreas sanitarias, a da Coruña e Cee rexistra 21.646 contaxiados; a de Vigo, 18.104; a de Santiago e Barbanza, 15.433; a de Ourense ten 12.877; a de Pontevedra e O Salnés conta con 9.917; a de Lugo, con 9.937; e a de Ferrol, 6.375.

En canto á taxa de positividade -porcentaxe de infeccións por test PCR realizadas- mantense por baixo do 10%, como a xornada pasada, nun 9,8%, mais segue por encima do estabelecido pola OMS para dar por controlada a pandemia, un 5% do que a Galiza non baixa desde o 24 de decembro.

Vítimas mortais

Os falecidos coa Covid increméntanse a 1.718 após informar o Sergas de 30 novos falecementos que se rexistraron desde o pasado 18 de xaneiro.

Esta cifra é a segunda máis elevada comunicada en toda a pandemia, despois de que o día 3 de abril Sanidade informase de 27 falecementos, un dato que se igualou esta mesma semana con 27 casos comunicados esta segunda feira e superado na cuarta, cando transcenderon 29 novas vítimas.

O pasado 1 de abril Sanidade informou de 36 mortes, tamén correspondentes a varios días após corroborar que se trataban de casos de persoas con Covid, a cifra máis elevada de toda a crise sanitaria.

Comentarios