Os contedores que ameazan máis de 400 empregos na Pobra e Ribeira

Preocupación no colectivo de estibadores polo proxecto dunha zona de almacenaxe para os contedores de peixe conxelado no peirao comercial. Piden que se sitúe a actividade noutra zona portuaria.

Pto Vilagarcia buque con contendores
photo_camera Imaxe dun buque portacontedores e as grúas precisas para a súa carga e descarga

Os portos da Pobra e de Ribeira son líderes europeos en descarga de túnidos, unha materia prima con destino ás potentes conserveiras que traballan na beira norte da ría de Arousa. O interese dunha empresa frigorífica por operar con contedores, algo que até agora só se facía nas Autoridades Portuarias -dependentes do Estado-, neses portos de titularidade galega da Barbanza, abre un conflito: os estibadores temen perder os seus postos de traballo e mesmo hai preocupación nas conserveiras. Unha concentración de operarios da estiba esta sexta feira demandou unha solución a este problema.

Desde os comités de empresa das tres consignatarias dos portos da Pobra e Ribeira advirten que se poden poñer en risco entre 400 e 600 postos de traballo. Apontan que a zona elixida para almacenar contedores non é a acaída: operar coas grúas para portacontedores exixe un espazo importante pola súa maniobrabilidade e e iso implicará reducir para a estiba. Aliás, estas operacións, para evitar riscos laborais, obrigarán a paralizar actividades de estiba e desestiba cando estean actuando os contedores. O que implica en irrupcións, máis tempo e maiores custos.

Hai quen lembra que levan anos demandando unha ampliación do peirao comercial e que esas peticións caeron en saco roto. E agora, ademais, parte do espazo existente vai ter que ser partillado cunha actividade, a de carga e descarga de contedores, que prexudica outras actividades portuarias.

Propoñen unha solución: variar a zona de almacenaxe de contedores a outro emprazamento portuario, situado a 50 metros da báscula onde necesariamente van ter que ser pesados eses xigantescos recipientes. Mais desde a administración non atenderon aínda a solicitude.

Algúns consignatarios, perante este escenario, xa barallan desviar a descarga de atún a outros portos, como o de Vilagarcía ou Marín. O que non fai senón acrecentar os temores dos operarios da estiba.

Nos primeiros catro meses de 2019 descargáronse nestes dous portos case 43.000 toneladas de túnidos, que supón 40% de todo 2018.

Comentarios