Consumir ou consumírmonos?

A crise capitalista e a continuada perda de poder de compra das clases populares trouxo canda ela unha mudanza nas pautas de consumo tamén na Galiza, variacións que afectan a calidade de vida. As consumidoras —mulleres na súa maior parte— teñen hoxe maior dependencia de marcas brancas e das ofertas de grandes superficies
photo_camera [Imaxe: Marcos Guisasola]


"Do que se come, críase", di o refraneiro popular e repite o sociólogo Carlos García para explicar como as pautas de consumo ora condicionan ora reflicten a nosa maneira de vivir. O tamén sociólogo e activista da cooperativa de consumo responsábel Zocaminhoca vai máis aló. Pón en valor a potencialidade transformadora, de incidir na realidade, a través dun consumo consciente.

Entrementres a Rede galega contra a pobreza advirte que nove de cada dez persoas viven en risco de seren pobres, garantir o acceso á terra na Galiza é condición fulcral para deixarmos de vivir da caridade da agroindustria. Porén, se a soberanía alimentar ficaba xa lonxe de ser conquistada, a crise capitalista zugou o poder adquisitivo das familias, que atoparon nos andeis das grandes superficies a alternativa a pasar fame. A pauta repítese tamén nun país rural como o noso. As 43 áreas comerciais que proliferaron nos últimos anos —a última, o centro comercial das Cancelas, en Compostela— ocupan un total de 900 mil metros cadrados, espazo en que caberían 90 campos de fútbol.

As ofertas das grandes superficies comerciais non redundan nun aforro real ao estimularen o sobreconsumo polo seu efecto chamada 

Após case un lustro de crise, os hábitos de consumo da poboación galega sufriu variacións cuxas consecuencias están aínda por estudar. Con todo, afectaron o 92% das consumidoras —mulleres na súa maior parte—, segundo os datos contabilizados nun estudo realizado no Estado español en setembro, pouco tempo despois da suba do IVE.

O Instituto galego de estatística vén confirmar que o dato é extrapolábel a Galiza pois, no terceiro trimestre deste ano, máis da metade dos fogares declaraban ter mudado a súa maneira de comprar. En detrimento das marcas 'de confianza' —as que se publicitan nos medios de comunicación— e dos mercados locais, as marcas brancas e os produtos que están de oferta son os que van parar ás cestas que percorren, preferentemente, os corredores de grandes supermercados.

As cifras do informe Scan trends de Nielsen sinalan que por mor do empobrecemento de salarios e pensións arestora o 44% da nosa compra faise adquirindo produtos das denominadas marcas brancas. "Ningún estudo recolle efectos nocivos sobre a saúde das marcas brancas respecto dos produtos de fabricante", sinala Marcial Blanco. Porén, o transvase de consumo optando por esta opción como preferente, ten sido aproveitado polas grandes empresas do sector para destruíren pola volta de 82 mil empregos desde 2008 en todo o Estado, tal e como informou en outubro o diario económico Expansión.

"A marca branca outórgalle ao intermediario unha posición aínda máis forte, xerando problemas aínda máis importantes para a persoa que produce", apunta Blanco. Explicámolo ollando un conflito que segue de actualidade: o leiteiro.

Así as cousas, o prezo que se lles paga ás e aos gandeir@s por un litro de leite está nos 28 céntimos, para alén de que venden hoxe o produto e non saben cando van cobrar por el. As centrais agrogandeiras levan anos denunciando o uso do leite como produto reclamo, vendendo o litro por debaixo dos 50 céntimos. Convidan a reflexionar ao redor dunha cuestión: cal será o beneficio para quen produce se quen compra paga menos de medio euro e a industria non renuncia á súa parte do pastel?

A resposta, a xuízo do integrante da cooperativa Zocaminhoca, é obvia: "ao gandeiro practicamente non lle compensa seguir producindo". Hai quince anos o número de explotacións na Galiza era de 68.421; en 2008 había 14.079; e co PP na Xunta pecharon mil cada ano. O exemplo do leite serve para analizar o que acontece con outros alimentos da canastra básica como a carne, os ovos ou os vexetais.

A menos ingresos, menos consumo

O informe do IGE antes citado sinala tamén que a crise empurrou o 47% dos fogares do país a diminuír os seus gastos comúns en produtos non alimenticios —roupa, calzado, transporte, lecer. Nesta tendencia cara ao aforro hai, con todo, datos máis preocupantes no que a variacións de consumo se refire. Case a cuarta parte da cidadanía recoñece que renuncia a visitar a consulta de dentistas ou oculistas. Aliás, cada vez son máis os carros que circulan sen pasaren a inspección técnica —ITV— ou con ela caducada, ao non poderen afrontar os gastos das reparacións.

Subliña Carlos García que ao falarmos destas variacións cómpre ter en conta que non sempre derivan das dificultades económicas existentes, senón "da previsión de que se vai chegar a tales dificultades". Por tanto, o sociólogo considera que privarse destes gastos perante o temor de non os poder afrontar é unha tendencia "que vai a peor", coméndolle cada vez máis terreo ás necesidades básicas.

Botamos man dun exemplo tamén para explicar esta afirmación. A Organización de consumidor@s —OCU— facía pública nestes días unha caída notábel na compra de carne de tenreira e de peixe fresco por parte d@s galeg@s, optando no seu lugar polos produtos precociñados ou polos conxelados. Para alén do "impacto negativo nos sectores produtores do país", neste caso mar e gandería, estamos tamén perante "unha alimentación cada vez menos saudábel". Recoñece Marcial Blanco a dificultade de mudar os hábitos de consumo, nomeadamente nunha situación de crise económica e social como a actual, mais salienta que as "alternativas de aforro reais" para as familias galegas están "fóra" das grandes superficies e dos supermercados.

Desde a experiencia de Zocaminhoca, afincada na cidade da Coruña, ten claro que nos produtos da canastra básica, os de primeira necesidade, "a diferenza de prezo é mínima de adquirilos nunha gran superficie a facelo nun mercado local ou nunha pequena tenda, sexa convencional ou de comercio xusto. A diferenza na calidade dos produtos é obvia".

Perto do 47% dos fogares do País diminuíron os seus gastos comúns en roupa ou calzado. Aliás, as marcas brancas xa supoñen o 44% da cesta da compra

Está contabilizado que as 'tentacións' destas áreas comerciais, con ofertas de 2x1 ou estratexias que levan a colocar os doces xusto a carón da caixa onde se efectúa o pagamento, "fan que volvamos para a casa cun 20% máis de produtos que non necesitamos". Acrecenta Blanco que "comprar verduras nunha tenda pequena é máis barato sempre". Tamén de optar a consumidora polo alimento producido de maneira agroecolóxica.

Encher a cesta como acto político

Desde a socioloxía do consumo, López de Ayala presenta o acto de facer a compra como simbólico, mais apunta que a partir del é posíbel interpretar como funciona unha sociedade. Encher a cesta da compra é, polo tanto, máis unha maneira de facer política. Volvamos ao refraneiro: do que se come, críase. Cos dous sociólogos concluímos que @s galeg@s acabaremos por pagar as consecuencias do noso consumo máis caro do que os produtos que levamos á boca. E é que coa crise sacrifícanse gastos en cultura ou en lecer, si, mais tamén en sanidade ou en saúde.

"Cun 54% dos fogares da Galiza que recoñecen que chegan a final de mes con bastante ou moita dificultade, podemos imaxinarnos que as variacións nas pautas de consumo non van ser pequenas. Os efectos, iso si, e malia que xa se notan, serán máis perceptíbeis a medio prazo", apunta o politólogo e historiador Luis Estévez. Camiñamos cara ao emprobrecemento da calidade alimenticia e de vida da maior parte da poboación e cara a unha maior dependencia de grandes corporacións que xogan 'ao barato'.

O mantra do establishment político e económico para saír da crise ten unha das súas ladaíñas na chamada a incentivar o consumo. Seica é esta condición sine qua non para garantir un aumento das produtividade e a volta á bonanza económica. Porén, as políticas de recortes continuados e a súa incidencia no poder de compra da maioría social ten provocado unha aguda retracción do consumo, que resulta á súa vez nunha queda produtiva e o conseguinte peche de fábricas e comercios.

Cómpre volvermos ao modelo anterior? Carlos Grandín, profesor da facultade de Ciencias económicas de Vigo —cunha ampla traxectoria no estudo da distribución da renda na Galiza—, confirma que coa crise "se acentuou unha tendencia que xa existía". Tanto en desigualdade como nos cambios que se estaban a dar na maneira de consumir. Un modelo de desenvolvemento da sociedade, apunta, en que xa había fortes desigualdades e unha expansión do consumismo cun forte impacto na sociedade galega, un pequeno país aínda con gran peso do rural e, xa que logo, posibilidades de desenvolver outro modelo: sustentábel, de proximidade e autocentrado.

Porén, "norteamericanizámonos", sostén o profesor. Cómpre lembrar aquí, coa activista do comercio xusto e a economía solidaria Clara Raposo, integrante da cooperativa A cova da terra, que gozar do dereito á soberanía alimentar reduce a dependencia das familias dos supermercados e, en consecuencia, os índices de pobreza.

Aliás, marca a diferenza coa seguridade alimentar: ter que comer fronte a comer alimentos de calidade e saudábeis. "É paradoxal que a obesidade afecte especialmente a poboación con menos recursos", coloca Raposo. Tamén no consumo hai clases. Porén, a crise "homoxeniza", di Carlos García: só unha de cada dez persoas ficaría libre de pasar fame.


NOTA: Esta reportaxe foi publicada no semanario nº25, correspondente ao 23 de novembro de 2012 

Comentarios