Construción e hostalería lideran a creación de novas empresas na Galiza

En 2019 constituíronse 3.792 sociedades mercantís, 7% menos que no ano anterior.
Os feches golpearon na industria e na construción, non tanto nos servizos.
photo_camera Polígono industrial na Galiza. (Arquivo)

Ao igual que sucede con outros indicadores económicos, como é o caso das exportacións, a creación de empresas experimentou en 2019 un forte retroceso. Segundo os datos que publicou onte o Instituto Galego de Estatística (IGE), o ano pasado constituíronse na Galiza un total de 3.792 novas sociedades, o que supón 7% menos que en 2018. A construción e a hostalería representan 23,5% das empresas creadas, se sumamos tamén ás inmobiliarias. O comercio, con 437 novas mercantís, foi o sector que máis novas empresas sumou, seguido da hostalería (369), a construción (304) e as inmobiliarias (216).

A forma xurídica elixida na maioría dos casos foi a Sociedade Limitada (3.760), 12 foron as sociedades anónimas e 20 englobáronse na categoría de outras sociedades. O capital desembolsado para a posta en marcha destas sociedades foi de 372 millóns de euros, 315 no caso das SL e 57 no das SA.

Máis firmas en concurso

No lado contrario, en 2019 disolvéronse 1.501 sociedades e extinguíronse 1.476. As mercantís fusionadas o pasado ano ascenderon a 60, o que supón 10 máis que o ano anterior. Pola súa banda, as empresas en que se atopan en situación concursal crecen até as 256, cando no exercicio 2018 foron 200 as que presentaran concurso. En canto as escindidas, foron 13 as que segregaron as súas actividades, son tres menos en relación ao exercicio anterior. 

 No que atinxe aos movementos de capital nas sociedades galegas, en 2019 realizáronse 1.258 ampliacións de capital, cun valor conxunto de 707 millóns de euros. Pola súa banda, as empresas que reduciron capital o pasado ano foron 293 e o montante afectado por estas modificacións ascendeu a 123 millóns de euros. 

Comentarios