Conserveiras: a loita obreira das mulleres

As traballadoras da conserva están en pé de guerra. Para alén do conflito en Cuca, empregad@s de Alfageme pecháronse tres horas na consellaría de Industria. O 20 de decembro de 2012 a Xunta adquiriu as naves e a marca Miau en poxa xudicial. Porén, a finais desta semana a maquinaria podería ser vendida directamente polos administradores concursais, o cal impediría a continuidade da actividade. Contámosche o conflito nesta reportaxe


Nun tempo en que o peche de factorías e os despedimentos d@s obreir@s son o noso pan de cada día, o de Alfageme podería pasar a engrosar a listaxe de conflitos laborais que ficará sen solución por falta de vontade política da Xunta e que destruirá 150 empregos. 

Porén, desta volta o desleixo do PP cómpre aderezalo cun dato fundamental: a empresa é unha conserveira e as traballadoras da conserva, no 98% dos casos, son mulleres.

Produción en cadea, tempos modernos
"Estamos marxinadas no mundo laboral, até nos conflitos. Se nesta empresa traballasen homes, a atención que prestarían as administracións sería outra e estaría solucionado hai moito tempo".

Encargada de produción na planta que Alfageme ten en Ribadumia, Rosario Prado leva "toda a vida" na conserva. E toda a vida no caso desta muller son máis de 37 anos.

Cando empezou "as fábricas eran moi distintas". Con Marifé Aguiño, traballadora no Salnés desde 1976, explican como daquela o traballo se facía todo á man e todos os días do ano. 

As condicións laborais eran ao comezo "unha escravitude" que as levaba de volta á fábrica, estivesen na festa ou estivesen na casa, se a serea dun barco anunciaba que había peixe para descarregar.

Insiste Rosario en que "era moito máis duro", mais tamén defende que "había outra harmonía. Antes estabamos todas a todo, e agora cada unha anda ao seu. Xa non somos persoas, somos números". A Marifé a ausencia de dereitos para as traballadoras na fábrica tráelle, nos últimos meses, lembranzas "de hai trinta anos".

Baixo o tixolo da especulación

O conflito empeza a finais dos '90, cando a familia Alfageme vende a empresa —de onde saían as latas da coñecida marca comercial Miau— a Juan Lago, un capitalista sen experiencia no sector cuxo único mérito era a inmobiliaria que tiña en propiedade.

"Xa daquela denunciamos que quedabamos en mans dunha construtora e que o seu único interese era especular coas terras", pois as fábricas da conserva érguense en primeira liña de praia. Rosa Abuín, responsábel de Alimentación da CIG, leva case 30 anos lidando polos dereitos laborais das traballadoras deste sector. Concorda con Marifé en que "a familia Lago foi a que nos arruinou" e contan que até o produto que se metía nas latas foi perdendo en calidade.

Un pequeno paseo pola memoria permite coñecer que a empresa de Bernardo Alfageme foi pioneira no sector desde finais do XIX até comezos do XX. As conservas Miau serviron de alimento aos e ás combatentes da I Guerra Mundial e exportáronse tamén alí onde as colleitas ficaban arrasadas polas bombas.

A decadencia chegou canda o boom inmobiliario e no mesmo momento en que a UE abriu as portas á importación de atún de Papúa Nova Guinea. Daquela, Alfageme era unha das cinco factorías máis importantes no sector a nivel estatal.

Con todo, a pesar dos beneficios reportados, non foi até mediados do século XX cando a actividade industrial das mulleres deixou de se ocultar nos rexistros municipais tras a declaración de 'sus labores', reservado para o traballo considerado non produtivo.

Rosario e Marifé coñeceron esta situación de perto, ora en carne propia ora pola experiencia narrada por algunha familiar. Antes de asinar os convenios laborais "traballabamos 48 ou 50 horas á semana e os horarios dependían de como tivese o día o encargado". Nunha fábrica inzada de traballadoras, o encargado foi, até non hai moito, un home.

Após anos de loita sindical e coa situación máis asentada agora, a xornada laboral dura oito horas... na conserveira. "Para entrar ás sete da mañá erguémonos ás cinco. E aínda que saiamos ás tres do serán non nos deitamos até a unha da mañá", subliña Marifé.

A causa: a dobre xornada laboral que teñen que afrontar por seren mulleres. "Non chegamos aos mil euros e non podemos pagar outra persoa para que nos faga o traballo da casa", continua, reprochando dos homes, non só dos compañeiros da empresa senón dos seus propios maridos, a falta de apoio. "Sei de moitas que tiveron problemas por faceren parte dos encerros e por se manifestaren, cando se a loita fose deles irían, virían e terían o seu prato de comida e a súa roupa limpa".

Cando o soldo delas é ''un complemento''

Tanto as traballadoras —Rosario e Marifé— como a sindicalista —Rosa— encaixan a discriminación que sofren no marco dunha sociedade que percibe o salario das mulleres "como unha axuda para a casa". A incorporación das mulleres ao mercado laboral "éralles necesaria" para aumentar a produción. Porén, o que elas gañan enténdese como "un complemento", porque "como teñen un marido que as mantén...", ironiza Marifé.

Fronte a esta idea enquistada, Rosa Abuín confirma que na comarca do Salnés, onde o desemprego afecta a 13 mil persoas, son moitos os fogares onde o único soldo que entra é o das mulleres. E isto malia á falta de apoio que reciben.

"É como se Alfageme fose un mundo aparte", continua narrando Marifé, quen reprocha das compañeiras doutras factorías a súa falta de solidariedade. "Cando o conflito foi en Peñas ou en Odosa, xuntámonos todas, mais eran outros tempos. Agora pensamos que nunca nos vai tocar a nós". Por ficaren na sombra sinala tamén os varóns que traballan neste sector. "Sempre están catro pasos por detrás. Asinan o seu, e punto. Nós miramos polo ben de todas".

A Xunta, a única responsábel

As traballadoras paralizaron as indemnizacións de Fogasa —Fondo de garantía salarial— porque "non queremos os cartos, queremos os nosos postos de traballo". Rosa Abuín di non entender por que a Xunta prefire gastar eses tres millóns de euros en indemnizalas a resolver o conflito.

A consellaría de Industria tivo riba da mesa a solución, mais non a quixo ver. Unha oferta dun grupo empresarial cántabro vinculado ao sector, El Consorcio, garante a continuidade dos empregos cinco anos. A media de idade das traballadoras sitúase nos 50 anos, polo que cómpre sumar a dificultade de acceso a outro emprego para completar os anos de cotización.

A Xunta, após entregarlle 30 millóns á banca e facerse coa titularidade das fábricas de Ribadumia e Vilaxoán, "o único que tiña que facer era adxudicarllas" a El Consorcio, que leva dous anos a agardar por un pacto que non chega. Porén, o PP "inventou" un concurso público que quedou deserto ao estimar que ningunha empresa reunía as condicións.

A el presentáronse, para alén do grupo cántabro, as empresas Pescamar —a directora xeral é Lupe Murillo, tesoureira do PP en Pontevedra— e Coswinga —ligada á familia Lago e propietaria xa de 'Peña' unha das marcas comerciais de Alfageme.

O 20 de decembro a conserveira irá a poxa. Marifé vaticina "os últimos suspiros", mais Rosa non quere dar o conflito por pechado: "non se pode dicir que non o intentamos. Alfageme foi un exemplo de dignidade, unha demostración de forza, de que as mulleres tamén sabemos pelexar".

Comentarios