CONSELLO REGULADOR DO MEXILLóN

“A conselleira do Mar insiste en defender intereses privados”

O Consello Regulador lamenta que Rosa Quintana discrepe da sentenza xudicial e diga que non hai fraude en que as conserveiras empreguen “elaborado en Galiza” malia que non envasen mexillón da DOP.

batea mexillon

O Consello Regulador do Mexillón saiu esta fin de semana ao paso das polémicas declaracións de Rosa Quintana no Parlamento nas que a conselleira discrepou da sentenza xudicial que establece que ningúnha conserva de mexillón pode facer referencia á orixe galega do produto se non está amparada pola Denominación de Orixe Protexida (DOP). Quintana defendeu que a industria conserveira poda referirse a Galiza malia que o produto que envase non sexa de DOP. Para o Consello Regulador, a conselleira está a reproducir e avalar os argumentos dunha das partes particulares, a patronal conserveira. “¿É entendible que unha representante política do seu rango esqueza as resolucións xudiciais e fale como se fose a portavoz de intereses particulares? ¿Non pensou na inconveniencia que supón escenificar ese discurso nada menos que en sede parlamentaria?”, pregúntase o organismo presidido por Francisco Alcalde.

“Esta actitude da titular de Mar está a causar un grave perxuizo á DOP Mexillón de Galicia. En imaxe pública, no seu desenvolvemento comercial e creando dúbidas nas persoas e nas empresas do sector sobre a protección da DOP, contradicindo o sentenzado e ocasionando en conxunto fortes perxuizos económicos. Como Autoridade competente está a levando a cabo unha actuación contraria a propia Lei de Calidade Agroalimentaria de Galiza”, afirma. 

Comentarios