A conselleira di que o sector “non entendeu” a lei de acuicultura e emprázao a consensuar unha nova

Rosa Quintana considera que “non ten ningún sentido” deixar sen regular unha actividade na que di que Galiza ten que ser referente.

Rianxo pleno acuicultura
photo_camera Mobilización contra a Lei de acuicultura durante un pleno en Rianxo

Rosa Quintana, conselleira do Mar, anunciou que no marco da actual lexislatura procurará fechar unha nova lei de acuicultura após ter que retirar a proposta anterior polas protestas xeradas no sector do mar. Nunha entrevista en Europa Press, Quintana indicou que esta lei ten que ser “consensuada” co propio sector e a mesma é necesaria para regular unha actividade, a produción acuícola, na que sitúa Galiza como referente.

A titular do departamento afirma nesta entrevista que “a anterior lei coincidiu nun momento no que o sector non a entendeu e decidiuse aparcala”. A conselleira convida o sector a que faga as súas propostas para “deseñar e perfilar mellor a lei”. Aposta en abrir mesas de traballo “con diferentes actores” para recoller así todas as “sensibilidades”.

O anteproxecto de Lei de Acuicultura elaborado pola Consellería do Mar xerou un gran rexeitamento, plasmado na aprobación en non poucos concellos de mocións pedindo retirar esa lei e na multitudinaria manifestación de Compostela, na que tomaron parte miles de persoas. Para o sector, “"esta lei converte a gran industria acuícola na raíña do mambo das rías galegas". 

Comentarios