As confrarías galegas rexeitan a nova norma de xeolocalización

A proposta da eurodeputada española Clara Aguilera (PSOE) no Parlamento Europeo afirman que afectaría en breve ás artes menores.
Peirao pesqueiro do Vicedo (Confraría do Vicedo)
photo_camera Peirao pesqueiro do Vicedo (Foto: Confraría do Vicedo)

As confrarías galegas rexeitan a nova normativa sobre xeolocalización, instalación de cámaras así como remisión de datos desde as embarcacións para a frota de entre catro e 12 metros.

O comité executivo da Federación galega de confrarías fixo público un comunicado no que amosa o seu malestar e a decisión que tomaron nunha xuntanza, realizada o pasado sábado 13 de marzo, de convocar unha reunión por vía telemática de todas as patroas e patróns maiores da Galiza.

Esta xuntanza terá lugar o vindeiro sábado, 20 de marzo, coa intención de valorar en profundidade o novo regulamento de control, aprobado polo Parlamento europeo de pesca.

Entenden desde a Federación que “afectará en catro anos, inevitabelmente, á frota de artes menores no que respecta á xeolocalización e á remisión de datos desde as embarcacións”. 

Unha visita que non produciu os seus froitos

O Comité Executivo da Federación, formado polas e polos representantes das tres federacións provinciais de confrarías galegas mostra a súa disconformidade con este texto que presentou a eurodeputada española Clara Aguilera (PSOE) no Parlamento Europeo

A proposta do Comité Executivo galego será valorar amarrar a frota artesanal en sinal de protesta "pola falta de consideración de Aguilera, que escoitou, pero non atendeu, as demandas do sector artesanal galego cando visitou Galiza convidada polo Consello Galego de Pesca".

Desde a Federación afirman que hai unha "falta de consideración da Comisión Europea de pesca e do Parlamento Europeo das especiais características da frota artesanal galega, que farán inviábel de facto o cumprimento destes novos requisitos".

Comentarios