As confrarías galegas séntense "enganadas" polo Ministerio de Pesca

A frota artesanal galega rexeita o investimento de 1,4 millóns de euros por parte do Goberno español nunha aplicación de control que se adapte á futura normativa europea. Aseguran que tiñan o compromiso de que se apoiarían as súas demandas e piden que o gasto vaia destinado a mellorar a súa situación. 
Protesta da frota artesanal galega no mes de marzo en Ribeira (Nós Diario).
photo_camera Protesta da frota artesanal galega no mes de marzo en Ribeira (Foto: Nós Diario).

A frota artesanal galega séntese "traizoada" polo Goberno español diante da posibilidade de que se confirme a obriga por parte da Unión Europea (UE) de empregar sistemas de control de xeolocalización, instalación de cámaras e remisión de datos desde as embarcacións e por parte das mariscadoras a pé. É a expresión que emprega José Antonio Pérez Sieira, presidente da Federación Galega de Confrarías, ao saber, a través dos medios de comunicación, que o Ministerio proba con este fin unha aplicación informática en 150 embarcacións de menos de 12 metros. 

En declaracións a Nós Diario, o portavoz do sector sinala que no seu momento desde a federación quixeron manter unha reunión para tratar esta normativa con Luis Planas, ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, mais "por motivos de axenda" tivo que ser coa secretaria xeral de Pesca, Alicia Villauriz, e co subdirector da mesma, Ignacio Gandarias. Nesa xuntanza o sector procuraba saber cal sería a postura do Goberno español diante da negociación que terá lugar na Unión Europea este mes de setembro en relación ás medidas de control da frota artesanal. Daquela "deron a entender que nos apoiaban e pensaban que era razoábel a nosa posición, mais agora vemos con sorpresa que non é así", sinala Pérez Sieira. 

Control rigoroso na Galiza por parte do sector

Desde que xurdiu a polémica proposta por parte da eurodeputada española Clara Aguilera (PSOE), a posición das confrarías foi de total rexeitamento, con accións de protesta e paros por parte de toda a frota. O sector insiste en todo momento en que os datos xa están achegados diariamente á Consellaría do Mar e, desta maneira, evitan duplicidades na xestión da pesca artesanal e no marisqueo na Galiza. 

"Expuxémoslles en Madrid aos representantes do Ministerio de Pesca que o control sobre a pesca artesanal e o marisqueo é rigoroso, que se remiten as capturas diariamente desde as lonxas das confrarías e que os puntos de control realizados sobre o sector a través dos plans de explotación achegan xa toda a información dos buques e os profesionais", explica Pérez Sieira.

Por este motivo non entende que "o Ministerio, antes de facer ningunha experiencia piloto na Galiza, queira coñecer que os datos xa están achegados diariamente á Consellaría do Mar e evitan duplicidades na xestión da pesca artesanal e no marisqueo", engade. 

Un investimento que precisaría a frota galega

O sector tamén critica que o investimento nesta nova aplicación informática sexa de 1,4 millóns de euros cando desde as confrarías galegas veñen solicitando desde hai tempo "axudas para modernización, para melloras dos buques, para seguridade nas embarcacións, para melloras nos portos, nas lonxas e tamén melloras na promoción dos produtos da pesca". En todo do caso, apunta que ese gasto público estea "orientado a conseguir a homologación do sistema de envío de datos actual porque o sector non poderá asumir a duplicidade dos envíos".

Para o presidente da Federación "non ten sentido ese gasto para algo que, se cadra, non se fai". Pregúntase cal é a razón de que, sabendo a postura de toda a frota neste tema, "o Ministerio teña tanto interese en que se aplique". Desde a Federación lamentan que "o Ministerio español non analice e non queira coñecer o funcionamento das lonxas e, sobre todo, do gran labor das confrarías na Galiza" e engaden que "con aliados así non é de estrañar que nos encontremos como estamos a nivel pesqueiro europeo".

Xuntanza xeral para tratar a resposta das confrarías

Pérez Sieira admite que non sentou nada ben a rápida resposta do sector na que sinalaron a Aguilera como a responsábel de que se leve adiante esta normativa de control europeo cara á frota artesanal. "Ela foi a que levou o informe cando lle pedimos que non o fixera por ser inviábel e ao sector non lle gustou nada", relata.

Diante desta última decisión do Goberno español, e antes de que teña lugar o remate da negociación na UE, a Federación Galega de Confrarías convocou para o vindeiro día 11 de setembro unha xunta xeral de todas as patroas e patróns maiores e vicepatróns maiores da Galiza onde teñen previsto falar deste asunto e tomar as decisións oportunas.

Comentarios