As confrarías din que o recorte de cotas de pesca leva o sector á ruína

A Xunta e o sector lamentan a falla de sensibilidade de Bruxelas.
Mariñeiros nunha xornada de pesca (Foto: Europa Press).
photo_camera Mariñeiros nunha xornada de pesca. (Foto: Europa Press)

O Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea logrou esta quinta feira un acordo sobre os totais admisíbeis de capturas (TAC) e cotas en augas comunitarias para 2021, que xera decepción e preocupación na Galiza. 

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, que participou no mesmo en representación dos distintos territorios do Estado español, reprobou que o acordo implique rebaixas en moitas especies de interese para a frota galega e que os avances respecto da proposta inicial da Comisión Europea fosen mínimos "despois de tantas horas de negociación".

A titular de Mar, que resaltou a incerteza que xera o Brexit e as escasas posibilidades de pesca para todo o Cantábrico, criticou que o Executivo comunitario priorizase aspectos ambientais sobre os económicos e sociais pese ao esforzo realizado polo sector pesqueiro galego para manter en bo estado os caladoiros nos que faena.

Con todo, valorou que o recorte na pescada pasase de 13% previsto a 5% e que "exista a posibilidade de avaliar de novo en maio os datos da cigala". Tamén considerou positiva a suba de 3,5% na cota de anchoa no Cantábrico. O acordo alcanzado inclúe ademais recortes de 7% no linguado en augas francesas, de 20% no Cantábrico e de case 4% na cigala en Portugal, así como de 15% no golfo de Cádiz. En cambio, mantén estábel a cota de abadexo en Francia.

Malestar no sector

No sector tampouco recibiron ben os recortes. O presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez Sieira, tacha o acordo de TAC e cotas para 2021 de "catastrófico", xa que leva o sector á "ruína" após un ano "dramático" marcado pola pandemia.

A frota galega "está moi preocupada", porque "só se rebaixou un pouco" a baixada prevista para a pescada, que descende 5%, mentres caen "unha chea" as posibilidades de pesca noutras especies.

Neste senso, Pérez Sieira tamén chama a atención sobre o descenso na raia para a pesca artesanal, pois no primeiro trimestre de 1.380 toneladas agora "queda en 380 toneladas". "Isto lévanos á ruína", advirte o directivo, quen tamén lamentou que Bruxelas non fose "máis sensíbel coa situación do sector". "Con esta rebaixa de cotas é inasumíbel, non se pode manter a pesca" non só na Galiza, senón no Estado español, advertiu Pérez Sieira.

Máis en ECONOMÍA
comentarios