A conflitividade laboral revive na Galiza

Rexistrou en 2022 máis de 41.000 xornadas non traballadas por folgas ou paros, un 70% máis que no ano anterior.

Os sindicatos chaman a secundar masivamente a folga e a marcha de Burela (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

2022 foi un ano de reavivamento na conflitividade laboral, mesmo a niveis superiores aos anos pre-pandemia e de confinamento pola Covid. Os datos do Ministerio de Traballo e Economía Social sitúa a Galiza en 2022 como o cuarto territorio do Estado con maior número de xornadas non traballadas por mor de folgas e paros e o terceiro onde máis traballadores e traballadoras participaron nas folgas.

Segundo estas estatísticas oficiais de xaneiro a decembro de 2022 houbo na Galiza 41 folgas, sete menos que no exercicio anterior mais cun poder de convocatoria moito maior, como mostran que fosen secundadas por case 11.500 participantes -só 3.200 en 2021- e que as xornadas non traballadas nese ano fosen 41.542, o que é 70% máis que as ‘perdidas’ en 2021: 24.383.

Quen foi en 2022 o territorio con maior conflitividade laboral? Euskal Herria, e con diferencia, onde se rexistraron 378 folgas das 679 que tiveron lugar no conxunto do Estado español. Alí as xornadas non traballadas foron case 400.000.

Séguelle Catalunya, con máis de 141.000 xornadas laborais nas que non se traballou polos paros, e Madrid (47.000) e a Galiza (41.500).

Manifestacións

En 2021, ano de saída do confinamento e o último no que hai rexistros oficiais sobre manifestacións e mobilizacións decorridas no Estado español, na Galiza houbo 3.458 manifestacións. Son datos do Ministerio do Interior.

Segundo este departamento do Goberno español os promotores da metade desas manifestacións (1.627) foron os sindicatos, mentres que 1.122 corresponden a ‘asociacións e colectivos cidadáns’ e 385 a comités de empresa. 153 corresponderon a organizacións políticas, case unha vintena a entidades ambientalistas e 151 figuran baixo o epígrafe ‘outros promotores’.

Comentarios