O confinamento pasa factura a Inditex e ás súas provedoras galegas

O grupo Inditex podería rexistrar por primeira vez números vermellos nos seus resultados trimestrais. A COVID-19 estaría detrás desta situación, anómala para a multinacional fundada por Amancio Ortega. Mais esas cifras negativas poderían acompañar durante meses moitas das súas provedoras.
Unha persoa con máscara pasa por diante dunha tenda de Zara (Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Unha persoa con máscara pasa por diante dunha tenda de Zara (Eduardo Parra / Europa Press)

As tendas do grupo Inditex volven pouco a pouco á normalidade, e con elas os centos de firmas que traballan para o xigante téxtil con sede en Arteixo. A aparente normalidade dos estabelecementos comerciais contrasta coa realidade das empresas provedoras e auxiliares das mesmas, que aínda están a pagar as consecuencias do feche de fronteiras e a paralización de proxectos no exterior. 

A multinacional téxtil galega logrou salvar o envite da crise derivada da COVID-19 no emprego, mais viuse obrigada a deixar na casa o seu persoal de tendas, que ve agora, após a volta a normalidade, como a multinacional lle impón uns horarios que impiden a conciliación, unha decisión "unilateral" que motivou varios actos de protesta ante os estabelecementos por parte das traballadoras. 

O problema é que as empresas que prestan servizos ao xigante da moda non dispoñen do mesmo músculo financeiro que a multinacional para facer fronte a unha situación adversa, que en moitos dos casos supuxo a parada total da súa produción e a aplicación de medidas laborais cun alto custo para as traballadoras afectadas.  

Sen proxectos no estranxeiro

A maior parte das empresas que traballan para Inditex na Galiza optaron polos ERTE por causa de forza maior para afrontar esta situación, que manterán en moitos dos casos mentres estea vixente o estado de alarma. E non son poucas as que teñen pensado estendelos máis aló desa data por causas produtivas. 

O grupo Cándido Hermida, a firma que dota de mobiliario as tendas de Zara, é unha desas empresas galegas afectadas pola caída da actividade do xigante téxtil. A compañía ten activo un ERTE para as oito empresas que integran o grupo que afecta a case 500 persoas. A súa intención é estendelo até final de ano ante a imposibilidade de retomar proxectos que tiña en marcha fóra do Estado español. 

Esta mesma semana, as traballadoras e traballadores da compañía, que ten no grupo fundado por Amancio Ortega a súa principal clienta, dirixíronse nunha misiva ao fundador da compañía para reclamar a súa mediación no conflito que manteñen coa actual directiva, á que acusan de pretender modificarlles a xornada laboral para reducir aínda máis os seus salarios. 

O parón dos proxectos está tamén detrás do delicado momento que atravesa outra das firmas que realizan traballos de carpintaría para Inditex. A caída da produción de Malasa, con sede en Cerceda, deixa “ao borde do desmantelamento” dúas empresas auxiliares, segundo denuncian desde o sindicato CIG.

Trátase de Carpintería e Barnizado Real e Montaxes Nobre, que suman preto de 200 persoas nos seus cadros de persoal. Son subcontratas, pero realizan os seus proxectos nas propias instalacións de Malasa, para a que traballan en exclusiva. 

Mais os Expedientes de Regulación de Emprego (ERE) de extinción non quedan só nas auxiliares. Noa Madera Creativa, filial de Malasa, tamén prevé recortar á metade o seu cadro de persoal dous anos após a súa adquisición, unha operación que, como apuntan desde a CIG, parece estar máis xustificada na carteira de clientas (con Adidas entre elas) que na forza laboral da compañía.

Da lista de empresas galegas afectadas polo 'parón' de Inditex non escapa a firma de montaxe de estruturas Caamaño, outro dos históricos provedores de Inditex e responsábel dos escaparates das súas tendas, activou un ERTE por causa de forza maior ao pouco de decretarse o estado de alarma. Agora, o grupo que integran empresas como Neograf, Hydracirte, Caamaño Sistemas Metálicos, Metalvedro, Metales y Muebles Especiales y Syca e que suma 700 empregos directos, prepara un segundo ERTE, desta vez por causas económicas.

Tamén en servizos

Tamén hai empresas de servizos que desenvolven o seu labor nas instalacións da multinacional en Arteixo, como Servilimpsa Samsic, que se encarga da limpeza e desinfección do almacén de Zara, que anunciou un ERTE para 77% do seu cadro de persoal. A situación desta empresa súmase a outras contratas da compañía encargadas do mantemento ou dos servizos de tinturaría industrial, que tamén propuxeron ERTE a causa da pandemia.

Inditex fechará previsibelmente o primeiro semestre en números vermellos, unha situación na que están moitas das empresas que dependen do xigante da moda e que podería desembocar en máis recortes laborais, despedimentos e mesmo feches. 

Primeiro trimestre en números vermellos

Inditex tiña acostumadas as persoas investidoras a presentar beneficios trimestre tras trimestre. Mais a crise derivada da COVID-19 pode provocar unha situación até agora descoñecida. Segundo o departamento de análise do Banco Sabadell, o grupo téxtil presentará por primeira vez en case 20 anos, desde que saíu a Bolsa en 2001, un resultado trimestral negativo. Os números vermellos entre febreiro e abril acadarían, segundo estas previsións, os 243 millóns de euros, un dato que contrasta cos 734 millóns de beneficio do mesmo período do exercicio anterior.

No seu primeiro trimestre fiscal, as vendas consolidadas da multinacional galega terían caído 39% polas medidas de confinamento realizadas a nivel global. Para facer fronte a esta situación, a compañía xa anunciou durante a presentación de resultados unha provisión de 287 millóns de euros que cubrirá en parte esas perdas.

Comentarios