BANCA

Condenan a NCG a devolver 104.000 euros a estafad@s das preferentes

Un xulgado da Coruña falla a favor de dous matrimonios e tamén obriga ao banco en proceso de venta a pagar as costas do proceso.

preferentes coruña
photo_camera preferentes coruña

Dous xulgados da Coruña condenaron a Novagalicia Banco (NCG) ao pago de máis de 104.000 euros a dous matrimonios, un da mesma cidade e outro de Ferrol, pola comercialización de participacións preferentes e obrigacións subordinadas, segundo recollen as sentenzas difundidas polo despacho que asesorou aos demandantes.

O xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña rexeitou a petición da entidade de que a liquidez obtida pol@s afectad@s após a canxe xa @s inhabilita para reclamar a perda nas quitas. Así, anula “os contratos de adquisición de participacións preferentes” e condena a abonar o importe de 65.040 euros, menos 25.784 euros que xa foran percibidos por un matrimonio ferrolá. Tamén condena á entidade bancaria en proceso de venta a facer fronte ás costas do xuízo.

Pola súa parte, o Xulgado de Primeira Instancia número 6 da Coruña obriga no seu fallo a devolver 39.688,82 euros a un matrimonio coruñés e as súas dúas fillas menores de idade, declarando “nulos” os contratos de compra de participacións preferentes. Segundo o despacho de avogados, os dous matrimonios eran clientes de Caixa Galicia e Caixanova e con perfís inversores “conservadores e sen coñecementos financeiros”. O propio xuíz observa que houbo un abuso de confianza por parte dos directores das sucursais con clientes habituais.