Condenan unha conserveira por se referir a Galiza na etiquetaxe sen cumprir coa DOP

O Xulgado do Mercantil de Pontevedra ditou sentenza contra a conserveira Javimar polo uso das mencións "de las Rías Gallegas", "fabricado en Galicia" e "envasado en Galicia" nas súas conservas, sen estar amparadas pola Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia. 

Unha conserva de mexillón

O Xulgado do Mercantil de Pontevedra condena á empresa Javimar, con sede en Ribadumia, pola utilización na etiquetaxe de mencións referidas á orixe, contravindo a normativa europea, e en consecuencia, ordénalle cesar no uso de tales mencións e retirar do mercado todos os produtos e material publicitario afectado. Ademais, a conserveira deberá indemnizar ao Consello Regulador coa cantidade de 15.000 euros por danos e prexuízos.

Tal e como sinala a sentenza, “o esencial é que quen non forma parte da DOP non pode amosar comercialmente o produto como procedente ou vinculado con Galiza”

A sentenza dálle a razón ao Consello Regulador do Mexillón de Galicia e clarifica o ámbito de aplicación da DOP (denominación de orixe protexida) , algo moi cuestionado por unha parte da patronal conserveira que importa mitílidos de terceiros países e utiliza evocacións a Galiza na etiquetaxe. Así,a defensa de Javimar argumentou que a protección da DOP só ampara o produto fresco, o xulgado asume que o regulamento comunitario é tallante ao establecer a protección dun nome rexistrado, neste caso Mexillón de Galicia, contra calquera uso comercial directo ou indirecto en produtos -calquera que sexa a súa presentación comercial- que non estean amparados pola DOP. Posto que a empresa Javimar non está inscrita no rexistro da DOP, os seus produtos non poden facer referencia a Galiza na etiquetaxe, con independencia de se o produto comercializado é Mytilus Galloprovincialis ou calquera outra especie que poida ser considerada mexillón. 

Competencia desleal

Ademais, a resolución xudicial considera que o uso irregular da mención a Galiza nas conservas constitúe unha práctica de competencia desleal. Neste contexto, aínda que cabe recurso de apelación contra a sentenza, o presidente do Consello Regulador, Francisco Alcalde, valorou a resolución como un gran paso adiante na protección da DOP e declarou que "a Consellería de Medio Rural e do Mar e o Instituto Galego de Consumo deberían asumir un cambio de actitude neste tema, para que dunha vez por todas se actúe para erradicar os casos de ilegalidades na etiquetaxe das conservas de mexillón".

Comentarios