Condenan Abanca a eliminar a comisión en "números vermellos"

A xuíza considera que "carece de xustificación, sequera económica e desde o punto de vista das boas prácticas", a existencia desta comisión como "unha especie de 'tarifa plana'" que pretende "o  resarcimento polo gasto" que supón para a entidade as xestións de reclamación do diñeiro.
Oficina de Abanca (Abanca)
photo_camera Oficina de Abanca (Abanca)

O xulgado do Mercantil número 1 de Gasteiz condenou Abanca a eliminar a comisión de 35 euros que cobra aos seus clientes cando as súas contas quedan en "números vermellos" ou cando se atrasan cos pagos dos créditos por considerala "abusiva".

Segundo informa Finanzas.com,a xuíza considera que "carece de xustificación, sequera económica e desde o punto de vista das boas prácticas", a existencia desta comisión como "unha especie de 'tarifa plana'" que pretende "o  resarcimento polo gasto" que supón para a entidade as xestións de reclamación do diñeiro.

Abanca argumentou no xuízo que para reclamar estas cantidades segue un protocolo con distintas actuacións en función do tempo que tarda o cliente en tapar o descuberto, que inclúen o envío de SMS, chamadas, cartas,  burofax e desprazamento do persoal da empresa ao domicilio do debedor, entre outras medidas.

A maxistrada entende porén que a comisión de 35 euros supón "unha indemnización  desproporcionadamente alta" por uns gastos que "en definitiva realizalos depende da vontade do empresario" porque a reclamación extraxudicial do diñeiro non é "un requisito necesario".

A sentenza declara que Abanca tenta "trasladar ao consumidor uns custos propios da actividade empresarial" mediante unha "cláusula imposta" que establece unha "'tarifa plana' por custos de supostas xestións de reclamación -que non se fan en todos o supostos- pero que, en todo caso, decídense polo empresario".

A xuíza conclúe por tanto que se trata dunha condición "abusiva e contraria á normativa de protección dos consumidores" e declara nula a comisión, condenando a Abanca a eliminala dos seus contratos.

Este mesmo xulgado vasco tamén condenou o ano pasado aKutxabank a suprimir esta mesma comisión, xa que o banco vasco cobraba cando os seus clientes quedaban en "números vermellos" ou se atrasan cos pagos dos créditos. O fallo foi recorrido ante o Tribunal Supremo, que aínda non se pronunciou.

Comentarios