Conde recúa e porá unha muller a dirixir o ente dos fondos Next Generation

Conde avanza que unha muller dirixirá a Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos da Galiza e xustifica que non haxa presenza feminina no consello de administración porque aínda non está fechado
photo_camera Só homes forman o máximo órgano de decisión do ente que xestionará os fondos Next Generation na Galiza (Foto: Xunta da Galiza).

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, avanzou que a Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos da Galiza contará cunha muller como directora xeral, que será "unha excelente profesional", aínda que pediu "prudencia" e "confidencialidade" para as candidatas

Así é como a Xunta pretende emendar o feito de que este organismo publico-privado non tivera no seu órgano de dirección ningunha muller, o que a deputada do PSdeG, Noa Díaz, que interpelou a Conde no pleno do Parlamento galego, considerou un acto de "puro machismo" da Xunta, na que "só homes pretenden decidir o futuro do país".

A deputada tamén afeou que non houbera "ningunha crítica nin denuncia por parte de mulleres do PP" cara a esa foto só con homes. "Reproduce un modelo patriarcal na que o home é o macho e poderoso",  e que tamén se fai visíbel na propia estrutura do Executivo galego que, como lembrou, só ten cinco conselleiras entre a ducia de postos do Consello e 22 mulleres entre os seus 65 altos cargos, incluíndo os catro delegados territoriais, todos homes.

Na súa intervención, Díaz tamén aproveitou para "felicitar" de modo irónico os conselleiros de Facenda, Cultura e Medio Rural por non contar con "nin unha soa muller" como directora ou secretaria xeral.

As escusas do conselleiro

Pola súa banda, o conselleiro Conde argumentou que a Xunta leva "moitos anos" defendendo a igualdade e lamentou que o PSdeG "tente xerar polémica onde non a hai".

Sen recoñecer o seu erro na composición do ente que xestionará na Galiza o destino dos fondos Next Generation, aínda con moitos dos proxectos sen desvelar, o titular de Economía avanzou que dito organismo "contará, como non pode ser doutro modo, coa presenza de mulleres".

Nesta liña, tratou de xustificar a ausencia de mulleres ao afirmar que o consello de administración ─cuxa reunión no acto de constitución deixou a foto que suscitou a polémica─ "non está fechado", e acusou o PSdeG de usar esta cuestión como escusa para non falar da xestión do Goberno estatal, unha resposta que Noa Díaz cualificou de "desvergoña incríbel". "Menuda decepción", exclamou na súa quenda de réplica.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios