Conde asegura que as diferencias entre Alcoa e Liberty House para a venda de San Cibrao son "salvábeis"

O conselleiro pide ao Goberno do Estado español que acelere as xestións para estabelecer un prezo eléctrico "competitivo" que permita que factorías como a de Alcoa sexan rendíbeis a nivel económico.
Fábrica de Alcoa en San Cibrao
photo_camera Imaxe de arquivo do entorno da factoría de San Cibrao. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O conselleiro responsábel das áreas de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, afirmou esta terza feira que todos os elementos na negociación que están a manter Alcoa e Liberty House para a venda da factoría de San Cibrao son "salvábeis". Desde o punto de vista do tamén vicepresidente, o que ten que actuar agora é o Goberno do Estado español para fixar un prezo eléctrico "competitivo".

Así o comentou na Asociación de Jóvenes Empresarios, onde participou nun acto. Tamén aludiu ao futuro da planta de Alu Ibérica da Coruña, cuxo futuro ligou a un marco enerxético estábel.

No caso da planta de Alcoa de San Cibrao, amosou a súa confianza en que Alcoa e Liberty House poidan chegar a un acordo e afirmou que o Goberno galego traballa "para identificar ese punto de entendemento".

Porén, precísase que o Executivo de Pedro Sánchez "poida concretar cales son os incentivos desde o punto de vista eléctrico que vai ter Liberty mentres non se desenvolven os proxectos de renovables que permitirían ese prezo máis competitivo".

Interrogado sobre a situación de Alu Ibérica na Coruña, remarcou a necesidade desa "resposta en termos de prezo eléctrico competitivo". "O seu futuro vinculouse a ese prezo eléctrico", subliñou.

En canto á central das Pontes, apelou á procura dunha "oportunidade" en termos de transición enerxética a través das probas con biocombustibles e a súa viabilidade en termos ambientais e técnicos.

Desde a súa perspectiva, "esa viabilidade é a que tentamos desenvolver a través destas probas e logo haberá que ver a viabilidade económica". "Se a hai Endesa debe sumarse xunto ao Goberno, a Xunta e os traballadores para dar unha resposta en termos de transición enerxética xusta", remarcou.

Comentarios