Concepción Arza: "Debería promocionarse máis a conservación dos soutos, é o patrimonio natural que temos"

O Courel ten nos seus soutos un tesouro. Concepción Arza, máis coñecida como 'Chiña', soubo sempre que dos castiñeiros procedía o máis auténtico da comarca. Na procura dun produto que definira a súa paisaxe atopou a castaña e comezou a promocionar os doces tradicionais. Cos anos engadiu outros novos, como as bolachas ou o Doce do Apalpador. Agora traballa para levar esas delicias a milleiros de quilómetros. 
Concepción Arza 'Chiña' (Foto: Nós Diario)
photo_camera Concepción Arza 'Chiña' (Foto: Nós Diario)

-Como naceu Delicias do Souto?

No ano 2006 quixemos dar resposta a unha demanda de produtos da zona por parte de persoas que nos visitaban. Estabamos no sector do comercio e vimos que a xente quería levar algo típico da zona. Pensamos que para facelo un dos ingredientes tiña que ser a castaña e decidimos transformala en algo doce. Xurdiu a torta de castañas.

Daquela facíase todos os anos a festa da castaña mais había moitos soutos abandonados. Co tempo comezaron a ter máis valor e volveron coidalos. As e os propietarios viron que había un beneficio na súa recolección e nós quixemos potencialo co produto.

-Cales foron as maiores dificultades ao inicio?

A accesibilidade ao Courel. Ese foi un dos motivos polos que comezamos levando o noso produto á contorna, a nivel local. Tamén axudou que se vendera na propia festa da castaña de Folgoso do Courel.

-Foi complicado recuperar as receitas?

Por sorte a torta mantívose e fíxose sempre até os nosos días. Eu engadinlle algo novo mais mantiven a tradicional. É moi peculiar porque non leva ningún tipo de fariña, sen glute e non se parece a ningún outro doce galego. Despois, co tempo, decidimos facer bolachas coa idea de contar con produtos que non fosen tan perecedoiros, ademais da bica, que é moi coñecida, mais nós mesturamos a fariña de trigo coa de castañas. No mes de decembro e na primeira semana de xaneiro sacamos o doce do Apalpador do Courel. É unha versión do roscón de Reis, mais recheo de crema de castañas. 

-Como traballan coa castaña?

Empregamos a castaña deshidratada para tela conservada todo o ano. Desta maneira non perde ningunha propiedade. Temos, ademais, unha forma de conservación con conxeladores a castaña seca. Preparamos con elas un puré que dá paso á torta. Tamén traballamos algo con fariña de castaña. Para nós non é un produto de tempada, empregámola todo o ano.

-Comentaba a dificultade da accesibilidade da zona. Como superaron ese atranco co tempo?

Aínda estamos traballando ese tema mais conseguimos chegar a Lugo, Monforte e Quiroga. Estamos preparando a venda por Internet a través dun novo envase que alonga a vida do produto para poder envialo fóra, a Madrid ou Barcelona. Foi un investimento que fixemos a través do plan Leader e consiste en tratar o envío en atmosferas protexidas, polo que conseguirá conservarse tres semanas máis. Agora mesmo a conservación é de sete días.

-Para o futuro do proxecto é fundamental que os propios soutos gocen de boa saúde? 

Desde logo. Os soutos estaban moi abandonados e hai certo interese por parte da xente na súa conservación e mesmo en facer plantacións novas. Aínda así temos moitos problemas. Debería promocionarse máis a súa conservación e difundir que é un patrimonio natural e cultural moi importante que temos. Falta apoio real por parte das administracións. Precísanse moitas plantacións novas. Agora mesmo hai moitos castiñeiros que xa están mortos ou secando.

Aínda por riba, temos a presenza da avespa dos castiñeiros, que se ten que abordar e este ano aínda non viñeron da Xunta para tratar os soutos. As últimas campañas houbo pouca castaña e afectou moito a falta de choiva dos dous últimos anos. Investiron en restaurar un souto cando o importante é demoucalos e non tanto a limpeza que están a facer.

Comentarios