Concentracións do BNG denuncian "o espolio do aforro galego" coa complicidade de Feijóo e Rajoy

@s nacionalistas realizaron concentracións diante das sedes de Novagalicia Banco en Vigo e A Coruña.
Aymerich e Jorquera na concentración en Novacaixa Galicia
photo_camera Aymerich e Jorquera na concentración da Coruña

O BNG convocou hoxe protestas "contra o espolio do aforro galego" en varias cidades galegas. Na Coruña @s concentrad@s, entre os que estaban os deputados Francisco Jorquera e Carlos Aymerich, entraron na sede de NGB desa cidade e informaron da postura nacionalista diante desta situación a numeros@s clientes que se atopaban na oficina. Os gardas de seguridade tentaron impedir a entrada d@s manifestantes sinalando que "tiñan ordes de non deixar que entraran".

Foi a propia clientela da entidade bancaria a que se interesou pola presenza no interior da protesta polo que tiveron que deixar pasar á mobilización. Ás portas da entidade, o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera afirmou que “estamos, ante a perda de ferramentas imprescindíbeis para a nosa economía produtiva". O BNG demanda que se opte por outra estratexia, “é necesario crear un banco público galego”, demandou o deputado. 

Na concentración de Pontevedra estivo o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, que afirmou que “estamos”, tal e como enfatizou, “ante unha liquidación que vai supor a perda de milleiros de postos de traballo, roubo aos estafados polas preferentes, perda da obra social, perda de servizo no rural galego… un auténtico desastre para o país”. O portavoz nacional afirmou que no BNG “non imos calar diante da evidencia de que o dúo Feijóo-Rajoy permiten que siga Bankia e non así a Novagalicia Banco. Volveremos insistir na necesidade de que Galiza teña sistema financeiro propio”.

En Vigo participou na concentración a deputada nacionalista Carme Adán que criticou que “os millóns de diñeiro público para as entidades bancarias son sufragadas con recortes sociais”. Adán reclamou a Feijóo que actúe para acadar o mantemento do sistema financeiro galego "no peor escenario desta novela negra, como é a liquidación ou venda de NCG". A deputada indicou que “o final de NGB amosa o fiasco da política económica de Feijóo e do PP para Galiza”.

Comentarios