Cales son os concellos máis ricos da Galiza?

A contía media coa que contan as persoas galegas para facer gasto ou aforrar cae 5,2% con respecto ao 2019. Trátase da primeira diminución desde 2014 na Galiza.
Supermercado na Terra Chá. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Supermercado na Terra Chá. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A renda bruta dispoñíbel na Galiza, a que teñen os fogares para destinar a gasto en consumo final ou aforro por habitante, situouse nos 15.041 euros en 2020, o que supón unha caída de 822 euros (-5,2%) respecto dos 15.863 euros de 2019, segundo datos do Instituto Galego de Estatística.

Esta supón a primeira diminución desde 2014, despois de cinco anos consecutivos de subas. En total, a renda dispoñíbel bruta dos fogares diminuíu a 40.589 millóns.

Os fogares supuñan o 22,8% do Produto Interior Bruto galego en 2019, sen datos até agora para 2020. Mentres, o saldo da renda primaria, a que obteñen os fogares antes da intervención de mecanismos de redistribución, incrementouse 5,6% en 2019. 

Así mesmo, o aforro dos fogares elevouse en 2019, mentres o seu consumo diminuíu 1,7% nese ano.

O Concello con maior renda bruta por habitante da Galiza é Cambre, con 25.730 euros de media no 2019

Cambre é o concello galego con maior renda bruta por habitante, segundo os datos de 2019, con 25.730 euros; ségueo Oleiros, con 24.774 euros; e xa a máis distancia atópanse A Coruña, con 20.330, e Santiago, con 19.347.

A clasificación dos 10 primeiros municipios complétana: Nigrán (18.525), Bergondo (18.429), Ourense (18.378), Teo (17.613), Pontevedra (17.585) e Lugo (17.513). As sete cidades galegas concentran 41,8% da renda.

A maioría dos municipios teñen como principal fonte de renda a remuneración de asalariados; tan só en Friol, Portomarín e A Illa de Arousa prevalecen as rendas mixtas, as que proveñen do traballo non asalariado.

As prestacións sociais supoñen 31,5% da renda dispoñíbel bruta total, chegando a 40% nos concellos máis avellentados. En troques, en municipios como Ames, Arteixo, Brión, Cambre, Culleredo, Oleiros, Oroso e Salceda de Caselas as prestacións non superan o 25% das rendas.

Comentarios