Os concellos galegos, chave na loita contra a crise en tempos de pandemia

A boa situación financeira dos concellos galegos permitiulles dar unha rápida resposta aos problemas derivados da crise da Covid-19. Agora, Red Localis suxire non estender moito máis no tempo as axudas fiscais e apostar por medidas que fomenten a simplificación administrativa nos entes locais.
Concello de Ferrol.
photo_camera Concello de Ferrol, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)

Os concellos, como administración máis próxima á cidadanía, foron chave na loita contra as consecuencias económicas e sociais derivadas da pandemia da Covid-19. Así o recoñece o último informe do Observatorio Municipal Galego de Red Localis, entidade xestionada polo grupo de investigación GEN ─Governance and Economics Research Network─ da Universidade de Vigo.

O documento, asinado polo economista Alberto Vaquero, que analiza as medidas fiscais e orzamentarias que tomaron os concellos galegos de maior poboación e as deputacións ante a crise da Covid-19, destaca a rápida resposta e a "múltiple natureza" da mesma por parte dos entes locais galegos nos primeiros días após a declaración do estado de alarma, entre as que figuran a prórroga dos prazos de liquidación dos impostos, taxas e prezos públicos que cobran os concellos, a redución de tipos impositivos e/ou a introdución de rebaixas fiscais ás empresas e persoas que se viron máis afectadas pola crise da Covid-19, especialmente nos sectores da hostalaría, comercio e turismo.

Músculo financeiro

Estas actuacións, aplicadas no exercicio fiscal 2020 e ampliadas en boa medida en 2021, foron posíbeis grazas á "excelente saúde económico-financeira" dos entes locais, "que desde 2012 veñen obtendo superávit e en moitos casos carecen de débeda acumulada", destacan desde Red Localis.

O Observatorio Municipal Galego tamén constata unha maior marxe de actuación nos grandes concellos fronte aos pequenos, fundamentalmente no capítulo de gastos, aínda que a resposta foi diferente en cada un deles. 

Nesta liña, o informe sinala que a tónica xeral das sete grandes cidades galegas foi a dunha maior aposta pola vertente fiscal, "quizais por un comportamento máis de cautela ante a imprevisíbel situación que vivimos durante os momentos máis complicados da pandemia", sinala o informe. Porén, as axudas directas non foron a opción máis elixida, tanto no exercicio fiscal 2020 como no ano 2021.

Por concellos, Ourense e Vigo foron os que menos rebaixas fiscais aplicaron para combater os efectos económicos e sociais da Covid-19, tanto en 2020 como en 2021. Pola contra, os de Ferrol, Compostela e A Coruña foron dos que máis apostaron por esta vía de axuda.

Houbo outros municipios, como o de Pontevedra, que apostaron máis nas axudas directas aos sectores que máis estaban a sufrir os efectos da pandemia. Compostela, Lugo e Ourense tamén actuaron dun modo máis intenso nestas liñas que outros grandes concellos galegos.

No caso das deputacións, as medidas centráronse todas nesta última vía xa que, como explican desde Red Localis, a incidencia fiscal destes organismos é moito menor en relación aos Concellos, posto que as primeiras non poden aplicar impostos, que supoñen unha importante vía de financiamento.

Aproveitar os remanentes

Pese a pór en valor "a saúde e o esforzo financeiro" dos concellos galegos, que permitiu apostar polas rebaixas fiscais e aprobar programas puntuais de gasto para mitigar os efectos da Covid-19, desde o Observatorio Municipal Galego de Red Localis defenden que "é necesario ir máis aló" e, aproveitando os remanentes cos que aínda contan algúns dos concellos do país, suspender as regras fiscais "non só para 2020 e 2021, senón estabelecer un escenario máis a medio prazo". "Hai que ser conscientes de que a situación económica aconsella ser moito máis  laxo e considerar a posibilidade de ampliar a citada autorización, polo menos, até 2022", sinalan desde o organismo. 

De feito, para Red Localis as axudas fiscais con cargo ao gasto público "son necesarias, pero tampouco deben prolongarse excesivamente no tempo", xa que a súa finalidade non é outra que a de procurar a reactivación económica, algo que será cada vez máis sinxelo na medida que avance o proceso de vacinación e se reduzan as restricións.

Na opinión das persoas expertas do Observatorio, estas medidas fiscais deberían ir acompañadas doutro tipo de iniciativas, como a redución dos trámites administrativos. Neste senso, insisten na necesidade de potenciar o mostrador único en todos os municipios, contar con persoal nos concellos que mellore a comunicación coas empresas e dispor dunha ordenanza única reguladora para a prestación de servizos. "Sen dúbida esta batería de medidas, que non implican un custo económico para os concellos serán tan ben acollidas como aqueloutras que si exixen un maior esforzo, como son as axudas directas ou as rebaixas fiscais", conclúen.

Comentarios