Os concellos exixen poder mobilizar os seus cartos para facer fronte á COVID-19

Os concellos galegos cren que a emerxencia derivada da COVID-19 non debe ser a excepción para desbloquear o acceso ao remanente dos entes locais, polo que piden derrogar a lei que o prohibe.
Concello_de_Lugo
photo_camera Concello_de_Lugo

Imaxinan ser vítimas dunha catástrofe e que o banco non lles deixen sacar os cartos da conta para saír a flote? Pois iso é o que lle pasa a centos de concellos galegos, que nos últimos anos fixeron os deberes e cumpriron os obxectivos de débeda.

Esta semana, o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, volveu sacar á palestra a posibilidade de modificar a Constitución para blindar a sanidade pública. Sería a terceira vez que se tocaría a Carta Magna. A anterior foi a que levou a esta rocambolesca situación. 

Foi en 2011, co socialista José Luis Rodríguez Zapatero de presidente, cando se modificou o artigo 135 para incluír o concepto de estabilidade orzamentaria e a obriga de primar o pago da débeda fronte a calquera outro gasto. Non sería até 2012, xa con Mariano Rajoy no Goberno, cando se promulgase a Lei Orgánica que desenvolve os principios aos que se refire o artigo 135, a coñecida como Lei Montoro, en referencia ao ministro de Facenda do PP, Cristóbal Montoro

Nestes oito anos, os concellos galegos cumpriron sobradamente con esta lexislación, que fixaba un tope de 3% no ratio de débeda para os concellos, e no caso dos galegos non acada nin 0,5%. Na actualidade, moitos deles están saneados e con débeda cero. Ademais, presentan superávit, pero moitos deses cartos acaban nun remanente de tesouraría que a propia lei lles prohibe tocar. 

Agora, coa emerxencia da COVID-19, que trae consigo unha diminución dos ingresos e un aumento considerábel do gasto público, o Goberno español permitiu liberar 20% dese superávit para aumentar o gasto social dos concellos, mais estes piden poder botar man duns cartos que son da cidadanía, e non de forma excepcional. Queren que se derrogue a Lei Montoro.

Como recoñece a Nós Diario o  presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, "as necesidades que imos ter van ser moi grandes, por iso é moi importante que nos deixen gastar o que nos corresponde aos concellos, que fomos as Administracións máis cumpridoras coa débeda pública". 

"Como Administración máis próxima aos comercios precisamos recursos económicos para poder levalas a cabo e non é lóxico que non poidamos botar man do superávit e o remanente de tesouraría cando todos os anos moitos concellos estamos tendo superávit, reducimos a débeda pública en cantidades moi importantes en moi pouco espazo de tempo e realizando á vez investimentos. O lóxico é que ese control estrito que se puxo nun momento de necesidade sexa eliminado", apunta Varela.

Contratación de persoal

Outra das reclamacións que se están a facer desde a federación galega é a de eliminar a taxa de reposición que impide aos concellos contratar persoal. Como explica Varela, "os concellos necesitan persoal en cantidades suficientes para desempeñar un servizo público de calidade. E agora máis que nunca", engade. 

"As Administracións locais consideramos inxusto que nos teñan que marcar as directrices outras Administracións cando demostramos ser a máis responsábel á hora de administrar os cartos públicos e de cumprir as exixencias que nos marcaban", insiste o responsábel da Fegamp. 

A federación galega está a traballar xunto a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que preside o alcalde vigués Abel Caballero, nestas cuestións. O propio rexedor, que xa está en negociacións co Goberno español para abrir a billa dos cartos, sinalaba a necesidade de empregar "por completo e de inmediato" o superávit e os remanentes das entidades locais" para paliar os efectos da pandemia da COVID-19. "Non pedimos recursos, pedimos que nos deixen usar os nosos aforros", destacaba Caballero, quen tamén pediu a Madrid liquidez para aqueles Gobernos locais que non contan con estes recursos.

Máis de 1.200 millóns

Segundo a liquidación dos orzamentos das entidades locais de 2018, o remanente de tesouraría dos concellos galegos ascendía a 734 millóns de euros, aos que habería que sumar outros 548 millóns correspondentes ás deputacións. Xa no exercicio 2019, o Concello da Coruña ten 14,5 millóns asignados nesta partida; Lugo, 51,6 millóns, Pontevedra outros 28 millóns... Cartos que están parados nos bancos, que son os grandes beneficiados da Lei Montoro, e que nalgúns casos mesmo están a cobrar aos concellos por eses depósitos. 

PP e PSOE deixaron claro que a súa prioridade era entón salvar a banca antes que cubrir as necesidades sociais dos concellos. Agora, coa crise da COVID-19, ningunha destas formacións, nin desde as federacións de municipios galega e estatal, con alcaldes socialistas á fronte, nin  desde o Goberno central  ou o PP na Xunta e na oposición en Madrid, queren cargar coa lousa de ter os medios para mitigar o impacto que vai ter a pandemia e non ser quen de poñelos a disposición de quen realmente os necesita.

Para iso teñen que desandar o camiño emprendido en 2011 coa modificación da Constitución española e, un ano máis tarde, coa promulgación dunha lei a todas luces inxusta para as entidades locais, que neste sentido deron unha lección de boa xestión tanto ao Goberno galego como ao do Estado español.

Comentarios